21 mai 2014

Nava Castro destaca a creatividade e a innovación como características diferenciais da creación culinaria galega na entrega de premios do concurso ‘Destapa Galicia’

Os establecementos O Ferro, A Fuga de Blas e El Serrano, resultaron gañadores deste concurso promovido por Coca-Cola e coa colaboración de Turismo de Galicia, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia.


Participaron 168 establecementos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Narón dos que se seleccionaron 15 finalistas e votaron máis de 10 mil persoas.


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na entrega dos galardóns e destacou a potencialidade da gastronomía galega no eido creativo e na incorporación de elementos innovadores que destaquen os produtos galegos con indicación de calidade como elemento diferencial da cociña de Galicia.

Entrega dos premios Destapa Galicia no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Os restaurantes O Ferro, de Santiago; A Fuga de Blas, de Pontevedra e mais El Serrano, da Coruña resultaron galardoados co premio Destapa Galicia nas tres categorías que establece o galardón. Así, na Tapa Creativa, resultou gañador O Ferro de Santiago, coa tapa ‘cogollo de leituga en textura con caramelo de xurel’; na Tapa de Aquí foi galardoado La Fuga de Blas, de Pontevedra, coa creación ‘mexillóns en tempura con mahonesa de cítricos’ e na Tapa Coca-Cola o establecemento gañador foi El Serrano da Coruña, coa tapa ‘zargallada de calamares’.

No concurso, promovido por Coca-Cola en sete localidades de Galicia e coa colaboración de Turismo de Galicia a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia participaron 169 establecementos situados na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Narón, entre os que se seleccionaron 15 finalistas, cinco en cada categoría.

En total recontáronse dez mil papeletas de persoas que disfrutaron das tapas e consumicións do concurso. Estes votos e mais os dos 8 membros do xurado deron como resultado as tres distincións que recoñecen as creacións innovadoras e de calidade.

A directora de Turismo de Galicia interveu na entrega de premios e destacou o éxito da iniciativa e a súa capacidade para potenciar a gastronomía galega como atractivo turístico da comunidade. Ao tempo, recalcou o esforzo dos participantes no concurso e o seu interese por desenvolver iniciativas innovadoras que dotan de valor engadido ao destino.

Nava Castro comentou tamén que “iniciativas como Destapa Galicia transmiten aos nosoS alumnos do Centro Superior de Hostelería a tarefa diaria dos actuais profesionais do sector e a necesidade de se adaptar constantemente a unha realidade turística cambiante”.

Ao tempo, resaltou a capacidade desta iniciativa para impulsar a creatividade dos cociñeiros galegos, o uso de ingredientes con Denominación de Orixe Protexida e con Indicación Xeográfica Protexida así como a posta en valor dos nosos produtos diferenciais e de alta calidade.

Segundo explicou, “a través de iniciativas como esta apóiase a posta en valor e a difusión do noso potencial como destino culinario”. “A gastronomía é un potente elemento de atracción turística, un modo de compartir o destino e un dos mellores escaparates do bo facer dun territorio”, engadiu.

A directora de Turismo explicou tamén a importancia da enogastronomía no Plan Integral de Turismo e as diferentes medidas e actuacións que se contemplan dende a Administración turística para poñer en valor este recurso endóxeno da comunidade a través de programas que incentiven a súa promoción como produto transversal e complementario, e como un dos principais atractivos da oferta turística galega.

Xurado e finalistas
O xurado técnico do concurso estivo composto polo profesor do CSHG, Carlos García Neira e o xurado degustador polo delegado comercial de Coca-Cola Iberian Partners, Fernando Freire; o profesor do CSHG, Ángel Benavente; así como por Jose Gendre Vilares, de Hotel Hesperia A Coruña; Iago Castrillón do Restaurante Acio e Miguel Vila, do blog La Colineta.

Os finalistas do concurso foron na categoría de Tapa Creativa: Paparazzi (Ferrol); Casa Sindo (Narón); O Ferro (Santiago);Tres Birras (Lugo); e mais La Competencia (A Coruña).

Na categoría Tapa de Aquí: La Chula (A Coruña); Room (Pontevedra); Kuntshalle (Santiago); La Fuga de Blas (Pontevedra); e mais Pontetapas (Pontevedra).

Na categoría Tapa Coca-Cola: Artesana (Santiago); Tapa Negra (Orense); La Casa Roxa (Vigo); Lois (A Coruña) e mais El Serrano (A Coruña).

Arriba