17 nov 2014

O Plan director do Camiño de Santiago avanza coa colaboración de destacados especialistas desta ruta de peregrinación

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, reuniuse cun grupo de especialistas do Camiño de Santiago, tanto a nivel patrimonial, como turístico e cultural.

O obxectivo do foro é lograr que este Plan Director sexa froito dunha labor participativa dos diversos sectores implicados.

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, reuniuse cun grupo de especialistas do Camiño de Santiago, tanto a nivel patrimonial, como turístico e cultural, no marco do Plan Director do Camiño de Santiago.

Dito Plan Director, promovido por Turismo de Galicia, pretende fixar unha diagnose do actual estado das rutas de peregrinación xacobeas para abordar un traballo de mellora das mesmas cun horizonte 2021, data na que se celebrará o vindeiro Ano Santo.


Para a redacción do mesmo, Turismo de Galicia e a empresa redactora, promoven a participación dos diversos axentes implicados na materia para contar coas súas achegas. Así están a desenvolverse diversos foros do Camiño no que participan especialistas da materia, alcaldes dos concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia, representantes do sector privado, Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e institucións eclesiásticas.


O principal obxectivo destes foros é lograr que este Plan Director sexa froito dunha labor participativa dos diversos sectores implicados e que deste xeito se sintan implicados na súa redacción e nas obxectivos que se pretenden acadar.


A creación deste Plan Director do Camiño de Santiago ven dada polo espectacular crecemento no número de peregrino e polo redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional. No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, un 12,15% mais que no ano anterior segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino e este ano os peregrinos estanse a incrementar en case un 10% con respeto ao pasado ano.

Así, preténdese que o Plan contribúa á mellora do Camiño ao longo de todas as rutas, adaptando medidas específicas para cada unha delas e definindo directrices que contribúa á mellora de aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados e da sinalización e á mellora dos servizos turísticos entre outros cometidos.

A elaboración deste Plan Director do Camiño de Santiago xa viña reflectida na primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia na que recoñécese o Camiño de Santiago como eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.

Arriba