30 abr 2015

Galicia elevou en marzo o peso do turismo internacional a un máximo histórico ao supoñer o 16,6% da demanda total

No pasado mes de marzo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros do 24 %, ata situarse nun total de 227.905, a cifra de viaxeiros máis elevada dos últimos cinco anos.

A nosa Comunidade rexistrou a segunda taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros do conxunto do estado tanto no mes de marzo como no primeiro trimestre do ano.

O número de viaxeiros internacionais no mes de marzo -38.341- supón a cifra máis alta nun mes de marzo do período 2009-2014.

No primeiro trimestre do ano o mercado nacional acadou o mellor dato de viaxeiros dos últimos anos con máis de 450 mil e o internacional o nivel máis elevado dos últimos sete anos, con máis de 80 mil.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de marzo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros do 24%, ata situarse nun total de 227.905. A nosa Comunidade acadou deste xeito a cifra de viaxeiros máis elevada no mes de marzo dos últimos cinco anos. Así mesmo, Galicia incrementou tamén neste terceiro mes as súas pernoitas nun 15,8%, contabilizando un total de 426.375.

A nivel estatal melloraron os niveis de demanda regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á rexistrada na nosa Comunidade, aumentando un 6,7% os viaxeiros e un 2,3% as pernoitas. Así, Galicia converteuse no pasado mes na segunda comunidade con maior taxa de crecemento en termos de viaxeiros do conxunto do Estado, só por detrás de Asturias.

En canto aos segmentos de mercado, tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva no mes de marzo. O mercado nacional incrementouse nun 21,4% no que atinxe aos viaxeiros e nun 13,6% no tocante as pernoitas. Pola súa parte, o mercado internacional incrementou un 28,3% as súas pernoitas e un 39% os seus viaxeiros. O número de viaxeiros internacionais neste mes -38.341- supón a cifra máis alta nun mes de marzo do período 2009-2014. Deste xeito, o mercado internacional elevou o seu peso sobre o conxunto da demanda en 1,6 puntos ata situarse no 16,6%, cifra que supón un máximo histórico neste terceiro mes do ano.

Ambos segmentos de mercado presentaron no pasado mes resultados positivos en todas as tipoloxías de aloxamento. O turismo nacional subiu un 12,7% nos establecementos hoteleiros mentres que nos extrahoteleiros o incremento sitúase no 27,9% e o internacional presentou un crecemento do 29% no segmento hoteleiro e do 12,7% no extrahoteleiro.

 

Tipoloxías de aloxamento
O incremento da demanda rexistrada no mes de marzo produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas.

No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 15% -rexistrándose o maior incremento nas pensións co 26% fronte aos hoteis co 13% neste caso-.

Pola súa banda, o segmento extrahoteleiro ascendeu nun 26%. Nos apartamentos turísticos o incremento situouse no 19% mentres que nos establecementos de turismo rural a suba foi do 25%. Foron as pensións e os establecementos de turismo rural as modalidades que presentaron neste terceiro mes do ano o mellor comportamento en termos relativos do conxunto da oferta regrada.

No pasado mes de marzo, o 94% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representaron o 75,8%, como ás pensións, co 18,1% neste caso.

O 6% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representaron o 2,4% da demanda total, aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 3,3% neste caso, e aos cámpings que supuxeron o 0,5% do total da demanda regrada.

O incremento da demanda levou consigo na maior parte das tipoloxías unha mellora dos niveis de ocupación. O incremento máis notorio rexistrárono os hoteis e as pensións onde a ocupación subiu en máis de tres puntos porcentuais neste mes de marzo.

Primeiro trimestre do ano
No primeiro trimestre do ano, Galicia acadou a cifra de 533.995 viaxeiros, o que supón un incremento do 14,8% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, nun 8,1% neste caso, acadando a nosa Comunidade as 984.486 noites.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 6,7% mentres que as pernoitas incrementáronse un 2,9%. Galicia rexistrou así a segunda taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros do conxunto do estado.

Tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva, subindo o turismo nacional, un 6,4% no tocante as pernoitas e un 12,7% no que atinxe aos viaxeiros e o turismo internacional un 17,9% as súas pernoitas e un 28,5% os seus viaxeiros.

Grazas a esta mellora da demanda, o mercado nacional acadou o mellor dato de viaxeiros dos últimos anos con máis de 450 mil e o internacional o nivel máis elevado dos últimos sete anos, con máis de 80 mil.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 7,1% e no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 27,8%.

En termos de ocupación observase tamén unha mellora xeneralizada en todas as tipoloxías de aloxamento, de entre un e dous puntos porcentuais, en relación ao mesmo período do pasado ano.

Arriba