05 out 2016

Turismo de Galicia e Turismo do Porto e Norte de Portugal promoven a difusión dos valores turísticos da eurorrexión

Un acordo entre Turismo de Galicia e Turismo do Porto e Norte de Portugal impulsa accións para a promoción turística conxunta

Xornalistas e axentes de viaxes de ambos territorios coñecerán a oferta turística de Galicia e o Norte portugués

Un grupo de profesionais da comunicación e varios bloggers galegos visitaron estes días o Norte de Portugal

 

 

Galicia e o Norte de Portugal programaron distintas accións para a promoción turística conxunta desta eurorrexión froito do acordo asinado o pasado ano entre Turismo de Galicia e Turismo do Porto e Norte de Portugal, polo que se desenvolverá un programa de viaxes de familiarización para profesionais do turismo e da comunicación de ambos territorios, así como a posta en valor do Camiño portugués e a coordinación doutras iniciativas en materia de estatística, información e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo.

Neste marco, establécese unha dinámica de intercambios regulares, dentro das relacións impulsadas pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e a súa Agrupación Europea de Cooperación Territorial ao obxecto de colaborar en materia turística.

Así, entre as accións previstas neste acordo está, entre outras, a organización de viaxes de familiarización para que axentes turísticos e xornalistas portugueses poidan coñecer a oferta turística de Galicia e viceversa.

Viaxe de familiarización

Deste xeito, un grupo de cinco xornalistas e bloggers galegos especializados en viaxes e turismo puideron coñecer parte da oferta e dos recursos turísticos do Norte de Portugal nunha viaxe de familiarización organizada ao abeiro do acordo de colaboración entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal.

Os profesionais da comunicación e bloggers galegos visitaron o Parque Natural do Litoral do Norte e o Paseo fluvial do ríao Cádavo, así como o castro de San Lourenzo e o Museo Marítimo.

Tamén visitaron  Vila Nova de Gaia e achegáronse a Gondomar, onde visitaron a súa tenda turística interactiva e a Ruta da Filigrana.

Para rematar a estadía, os xornalistas e bloggers galegos visitaron Ponte da Barca e o castelo de Lindoso e logo un percorrido polo centro histórico da primeira desta vilas.

Por outra parte, a finais do mes de outubro está previsto o desenvolvemento dunha viaxe de familiarización para axentes turísticos galegos de xeito que poidan coñecer a oferta turística do Norte de Portugal e manter xuntanzas de traballo con operadores turísticos do país veciño.

Dentro deste marco de colaboración interrexional, no ano 2017, serán os xornalistas e os operadores turísticos portugueses os que visiten Galicia para coñecer a súa oferta turística.

Intercambios regulares

O acordo de colaboración entre Turismo de Galicia e Turismo do Porto e Norte de Portugal impulsado pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal establece tamén un intercambio de información dos respectivos plans estratéxicos e de mercadotecnia do territorio, con vistas a definir áreas de traballo comúns.

Neste sentido, está prevista a colaboración conxunta en iniciativas de promoción turística para desenvolver establecementos interactivos de turismo e outros mecanismos dixitais de promoción ou as áreas de saúde e benestar, termalismo, turismo de natureza, rutas enogastronómicas, touring cultural e natural, turismo relixioso e actuacións arredor do río Miño.

Arriba