03 abr 2017

Xornalistas alemáns coñecen parte da oferta turística galega nunha xornada de prospección organizada por Turismo de Galicia

 Dez profesionais da comunicación que representan aos xornais máis importantes de Alemaña visitaron esta semana Galicia

A demanda turística alemá, que en 2016 medrou un 3,3% en número de viaxeiros aloxados e un 3,6% en pernoitas, acadou o ano pasado o seus niveis máximos
 
O ano pasado, 21.333 peregrinos de Alemaña realizaron o Camiño de Santiago, un 11,50% máis que en 2015

Un grupo de 10 xornalistas alemáns que representan aos xornais máis importantes de Alemaña tiveron a oportunidade de coñecer parte da oferta turística da Comunidade galega nunha xornada de prospección organizada por Turismo de Galicia.

O departamento de Turismo da Xunta mostroulles a estes profesionais da comunicación algúns dos recursos litorais máis importantes de Galicia, así como a gastronomía máis característica da Comunidade galega relacionada cos produtos do mar.

Por outra parte, tiveron a oportunidade de coñecer e gozar dunha das Rutas dos Viños de Galicia, unha adega emblemática e unha das vilas máis conectadas coa produción de viño no territorio galego.

Na súa estadía, os xornalistas alemáns tamén se achegaron ao patrimonio monumental da Comunidade galega e a outros produtos turísticos como os pazos e xardíns da camelia.

Demanda turística

O pasado ano a demanda turística alemá presentou un incremento que superou o 3,3% a cifra de viaxeiros aloxados durante 2015 e nun 3,6% o nivel de pernoitas dese ano.

O turismo alemán acumulou, así, catro anos consecutivos de incremento da demanda en Galicia co que en 2016 este mercado rexistrou os seus niveis máximos.

Deste xeito, con máis de 163 mil viaxeiros aloxados e preto de 250 mil noites nos establecementos regrados de Galicia o mercado alemán representou en 2016 case o 11% do total internacional converténdose no segundo mercado en orde de importancia detrás de Portugal.

Por outra parte, o ano pasado, 21.333 peregrinos alemáns realizaron o Camiño de Santiago e recibiron a Compostela, o que supuxo un 11,5% máis que no ano 2015. Alemaña foi, deste xeito, o terceiro país que máis peregrinos achegou ao Camiño de Santiago en 2016 cunha porcentaxe do 8,6% 

Arriba