03 abr 2017

Galicia acada a cifra de viaxeiros máis elevada nun mes de febreiro dos últimos nove anos ao superar os 190.000

 A nosa comunidade rexistrou un incremento do volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos do 2,8%

 
O incremento deste ano engádase ao rexistrado nos tres anteriores sendo catro anos consecutivos de crecemento
 
O mercado internacional incrementou nun 23,3% a súa cifra de viaxeiros e nun 19,2% o seu nivel de pernoitas
 
Os turistas estranxeiros representaron no mes de febreiro o 16,3% do total de viaxeiros aloxados en Galicia 
 

Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 2,8%, ata situarse en 190.675.

O incremento deste ano engádase ao rexistrado nos tres anteriores sendo catro anos consecutivos de crecemento que dan como resultado a cifra de viaxeiros máis elevada dos últimos nove anos nun mes de febreiro.

En termos de volume este incremento tradúcese na xeración de máis de 5.200 novos viaxeiros aloxados na nosa comunidade en relación ao mesmo mes de 2016.

A nivel de mercados, destaca o incremento rexistrado polo turismo internacional do 23,3% no que se refire a cifra de viaxeiros aloxados e dun 19,2% en canto ao nivel de pernoitas de febreiro de 2016. Este segmento suma, así, tres anos consecutivos de subas neste segundo mes do ano –do 7,8% no 2015, do 6,6% no 2016 e do 19,2% agora no 2017-, circunstancia que sitúa os niveis deste ano en máis de 56.000 pernoitas, a cifra máis elevada desde 2010.

Deste xeito, o mercado internacional representou no mes de febreiro o 16,3% do total de viaxeiros aloxados en Galicia e o 17% das pernoitas realizadas polos mesmos.

En febreiro, o 92,6% da demanda turística rexistrada na nosa comunidade correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tantos aos hoteis, que representaron o 76,5%, como ás pensións, co 16,1% neste caso. O 7,3% restante situouse, polo tanto, no segmento extrahoteleiro que reúne aos apartamentos turísticos, que representan o 4,6% da demanda total, e aos establecementos de turismo rural, que supoñen o 2,7%.

En relación coas tipoloxías de aloxamento, cómpre sinalar o incremento da demanda rexistrada polos apartamentos turísticos, dun 5,4%, e polos establecementos de turismo rural, do 3,1%, que melloraron a súa ocupación, así mesmo, en 1,6 puntos porcentuais e máis dun punto, respectivamente. Pola súa parte, os hoteis incrementaron a súa cifra de viaxeiros nun 4,8%.

Primeiro bimestre do ano

No que se refire aos primeiros dous meses deste ano, Galicia acadou a cifra de 353.738 viaxeiros, o que supón un incremento do 2,8% con respecto ao mesmo período do pasado ano.

O incremento deste ano engádese ao rexistrado nos tres anteriores convertendo a cifra acadada neste 2017 na máis elevada dos últimos nove anos.

Neste período, o turismo internacional incrementou nun 21,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 17,3% o nivel de pernoitas do primeiro bimestre de 2017. Galicia suma, deste xeito, tres anos consecutivos de crecemento do segmento internacional neste período – do 10% en 2015, do 7,7% en 2016 e do 17,3% neste ano-. Así, a nosa comunidade acadou neste 2017 o nivel de pernoitas máis elevado dos último oito ano con preto de 108.000.

En canto ao crecemento da demanda segundo as tipoloxías de aloxamento, destacan por intensidade as subas rexistradas nos establecementos de turismo rural e das pensións, do 5,6% e do 2,2% respectivamente.

Arriba