O País Vasco acolle con éxito a campaña ‘Viños e camelias’ impulsada por Turismo de Galicia
Centos de persoas están a participar nas actividades programadas durante este mes en San Sebastián
A experiencia turística ‘Viños e Camelias’, creada por Turismo de Galicia ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da Denominación de Orixe Rías Baixas, está a ter unha moi boa acollida ao seu paso polo País Vasco.
Tras Bilbao –con máis de 3.000 asistentes no mes de marzo- a campaña está a celebrarse durante este mes de abril na cidade de San Sebastián onde a viñoteka Lukas Gourmet é o epicentro de todas as actividades e está suscitar moito interese.
Centos de persoas acudiron á presentación oficial da campaña, que contou coa presenza do cociñeiro galego Pepe Solla, que ofreceu aos asistentes produtos de camelia como puntos de té ou estética. Durante o acto tamén puideron degustar os viños da D.O Rías Baixas.
A campaña continúa celebrándose durante todo este mes, albergando nas instalacións da viñoteca Lukas Gourmet unha recreación dun bosque de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O Rías Baixas nunha zona expositiva do local. Realízanse diferentes catas de viño e na zona do restaurante ofrécese un menú de fin de semana e un tapeo galego diario.
Ruta da Camelia, referente internacional
A campaña promocional responde á intención de Turismo de Galicia por promover a Ruta da Camelia e a D.O Rías Baixas, dous dos produtos clave do turismo na nosa comunidade. A Ruta da Camelia estase a converter en todo un referente internacional e está construída por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados.
Permite descubrir os recursos dos concellos nos que se sitúan os principais enclaves e xardíns con camelias e tamén teñen a súa sinalización turística propia para identificala de xeito sinxelo.