02 xan 2018

Galicia e a Rexión de Murcia estreitan lazos na exposición ‘Cruces de Caravaca’ que pode verse estes días en Santiago de Compostela

 Turismo de Galicia colabora con esta mostra itinerante, que se realiza ao abeiro do protocolo asinado en 2016 entre os gobernos de ambas comunidades autónomas para mellorar a promoción e a xestión dos seus respectivos Anos Santos Xubilares

 
A exposición, instalada no parque da Alameda da capital, componse dunha vintena de obras contemporáneas que percorreron nos últimos meses diversas cidades
A Alameda de Santiago acolle a exposición Cruces de Caravaca.

 O Paseo da Ferradura da Alameda de Santiago de Compostela acolle estes días a exposición Cruces de Caravaca, organizada pola Dirección Xeral de Turismo da Rexión de Murcia coa colaboración de Turismo de Galicia, co gallo da celebración, ao longo de 2017, do Ano Xubilar de Caravaca de la Cruz.

Con esta nova iniciativa, a Xunta de Galicia e a Rexión de Murcia afondan nos seus vínculos despois de que, en 2016, ambas administracións asinaran un protocolo de colaboración para explorar accións conxuntas a prol dun mellor aproveitamento dos seus recursos materiais e humanos para a promoción e xestión dos seus respectivos Anos Santos Xubilares.

A meta do Camiño de Santiago convértese así tamén no punto final desta mostra itinerante, que ten por obxectivo proxectar Caravaca de la Cruz como destino. Ao longo do último ano, protagonizou unha xira por diferentes localidades como Murcia, Cehegín, Caravaca de la Cruz, Mula, Calasparra, Orihuela, Valencia, Madrid e agora Santiago de Compostela, onde pecha a súa itinerancia coincidindo coa clausura do xubileo de Caravaca de la Cruz.

A exposición é unha das accións incluídas nesta celebración e reúne creacións dunha vintena de artistas contemporáneos, todos procedentes da Rexión de Murcia. Trátase, en concreto, de Nicolás de Maya, Miguel Fructuoso, Manuel Pérez, Martínez Mengual, Manuel Barnuevo, Esteban Linares, Belzunce, Nono, Vicente Martínez Gadea, Chelete Monereo, Martínez Cánovas, Esteban Bernal, Emilio Pascual, Marcos Salvador Romera, Antonio Ballester, Jorge Fin, Carlos Pardo, Araceli Reverte, Ana Martínez e Alejandro Franco.

 

 

Arriba