22 xan 2018

O ‘Club da Auga de Galicia’ bota a andar en Fitur unindo turismo mariñeiro, termalismo, náutica, Camiño de Santiago e paradores

 A directora de Turismo presentou en Madrid esta nova experiencia turística na que se inclúe a Ruta dos Faros de Galicia, a Ruta do Miño de Parador en Parador, así como propostas nos balnearios ou a travesía náutica que rememora a ‘Traslatio’

 
Esta nova marca nace para impulsar propostas sustentables e planificadas que contribúan a atraer visitantes durante todo o ano á Comunidade galega
 
Presentación do Club da Auga en Madrid.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou  no expositor de Galicia en Fitur o Club da Auga de Galicia, a nova marca baixo a que se unen experiencias de turismo náutico e mariñeiro, iniciativas do ámbito do termalismo así como do eido xacobeo e experiencias seguindo o curso do río Miño, para impulsar propostas turísticas sustentables que axuden a seguir atraendo visitantes durante todo o ano a Galicia.

Ao abeiro desta nova iniciativa inclúense produtos como a Ruta dos Faros de Galicia, a Ruta do Miño de Parador en Parador, a oferta dos balnearios galegos ou a travesía náutica pola ría de Arousa que rememora a Traslatio do corpo do Apóstolo ata Galicia por mar.

Durante a presentación, Nava Castro salientou a relevancia desta nova proposta turística que reúne, dixo, o mellor do modelo turístico de Galicia. Neste sentido, salientou a súa “aposta pola calidade e planificación, o respecto pola contorna, o compromiso pola sustentabilidade e a posta en valor dos recursos naturais”, indicou.

O Club da Auga de Galicia inclúe a posibilidade de percorrer a costa galega de faro en faro compartindo momentos cos profesionais do mar coa Ruta dos Faros, xurdida a iniciativa dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro. Tamén permite afondar no interior galego ás beiras do río Miño. Isto é posible grazas á colaboración con Paradores de Turismo, coa que se pon en marcha a Ruta do Miño de Parador en Parador que combina a experiencia con estancias en seis dos establecementos hoteleiros que Paradores ten en tres provincias de Galicia: os de Baiona, Monforte de Lemos, Ribadeo, Santo Estevo, Tui ou Vilalba.

Experiencias únicas

Baixo esta nova marca, tamén se ofrece a posibilidade de viaxar en barco de vela seguindo travesía que rememora rutas históricas de peregrinación por mar grazas ao impulso da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia. Tamén inclúe experiencias para relaxarse nos balnearios galegos, coa participación da Asociación de Balnearios de Galicia e descansar nas súas 3.000 prazas hoteleiras e beneficiarse das propiedades das súas augas.

Como explicou Nava Castro, o novo Club da Auga de Galicia nace para impulsar propostas sustentables e respectuosas cos recursos naturais que, contando coa auga como fío condutor, favorezan o coñecemento e desenvolvemento económico da nosa contorna buscando a autenticidade. Baixo esta nova marca poderanse unir novas experiencias innovadoras e diferenciadoras para dar a coñecer, a través do turismo, a fortaleza dos sectores económicos que xiran ao redor da auga e difundir os potenciais e os valores dun uso responsable e sustentable deste recurso.

Termatalia, rumbo a Brasil

A directora de Turismo de Galicia tamén participou en Fitur na presentación da nova edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia, que este ano viaxa a Brasil, unha ocasión que, declarou “de seguro será un éxito colectivo na que consolidar a condición de Termatalia como ponte entre Europa e América”. Nesta edición, porase de novo en valor o potencial termal galego, onde contamos co 20% da oferta termal de toda España. Ademais case catro de cada 10 balnearios distinguidos coa Q de Calidade turística do país son galegos, situando a Galicia en posicións de liderado. 

 

 
Arriba