11 set 2018

Nava Castro salienta o importante labor de recuperación e posta en valor dos lagares rupestres nas comarcas de Verín e Viana

 A directora de Turismo de Galicia participou hoxe no II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres, que se achega esta fin de semana a Oímbra, Verín e Monterrei

Trátase de estruturas labradas en pedra, con séculos de historia, vinculadas coas formas máis antigas de elaboración de viño, con destacada presenza en Ourense

Reunión en na comarca de Mointerrei.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  no II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres, que ao longo de tres días promove o coñecemento deste patrimonio etnográfico. Trátase de estruturas labradas en pedra, con séculos de historia, vinculadas coas formas máis antigas de elaboración de viño que supoñen un importante recurso enoturístico no sur da Comunidade, ao que se teñen dedicado importantes esforzos nos últimos anos para a súa posta en valor e divulgación.

No marco desta xuntanza de especialistas de toda a Península Ibérica, a directora salientou o labor realizado na comarca de Verín e Viana a partir do Plan de Dinamización Turística Portas de Galicia, que contou co apoio da Xunta. Ao traballo de recuperación arqueolóxica, únese a compilación de datos, a limpeza e acondicionamento dos lagares, a instalación de paneis informativos para configurar unha ruta visitable ou a edición dunha publicación.

No marco do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, os lagares rupestres cobran relevancia ao constituír un destacado recurso turístico do patrimonio etnográfico galego. O obxectivo é que este legado estea cada vez máis protexido, revalorizado e posto a disposición da sociedade.

A Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsada entre o Goberno galego e o sector para afondar nun destino de calidade, auténtico e responsable, outorga un gran protagonismo ao enoturismo da man das cinco denominacións de orixe vitivinícolas, entre elas Monterrei.

Aposta polo enoturismo

Neste sentido, destacan iniciativas como os Trens Turísticos de Galicia, que contan coa Ruta do Viño de Monterrei entre a ducia de propostas; as Rutas do Viño e as xornadas de portas abertas ou a experiencia Paseando entre viñedos, un dos dez produtos cabeceira de marca de Turismo de Galicia. O traballo neste eido amplíase con proxectos como a recente recuperación dunha singular adega-lagar grazas á colaboración entre o Concello de Oímbra e a Xunta, posibilitando novos usos ao seu redor. Os participantes do II Foro Hispano-Luso de Lagares Rupestres visitaron este recurso, ademais dos existentes en Monterrei e Verín.

Trátase de accións que, como se puxo de manifesto no foro celebrado en Verín, contribúen á aposta pola calidade no enoturismo, un mercado de especial interese para a Comunidade.

 

Arriba