29 xan 2019

Galicia acada en decembro a maior cifra de turistas da súa historia cun crecemento do 9,2%

 Galicia foi a cuarta comunidade autónoma cunha mellor evolución no último mes de ano, con incrementos moi por riba de media nacional

As subas foron xenerais nas catro provincias, con Ourense en cabeza, xerando en total máis de 413.000 pernoitas nos establecementos hoteleiros
 
Avanza así a estratexia de desestacionalización e a aposta pola calidade, pois a rendibilidade do sector medrou case un 15% no último mes do ano
 
Datos turísticos de decembro de 2019.

 Galicia acadou en decembro a maior cifra de turistas da súa historia, con máis de 220.000 viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros, o que supón un 9,2% máis que no mesmo mes do ano anterior. Así se desprende dos datos difundidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que amosan o intenso avance da estratexia de desestacionalización da demanda turística froito das actuacións que a Xunta está a liderar en colaboración co sector da Comunidade.

Estes resultados propician que Galicia fora a cuarta comunidade cunha maior evolución no último mes do ano, con subas moi por riba de media nacional en todas as variables. Así, o número total de pernoitas superou as 413.000, cun aumento do 7,8% fronte ao 2,6% estatal. Igualmente, a ocupación elevouse en xeral e moi especialmente durante as fins de semana, cunha melloría de 6,45 puntos fronte aos 2,02 puntos do conxunto das comunidades. Decembro arroxa grazas a estes resultados a mellor ocupación dos últimos 16 anos.

Todas as provincias rexistraron incrementos, con Ourense en cabeza (+10%) seguida de Pontevedra (+9,5%), Lugo (+7,9%) e A Coruña (+6%). Deste xeito, dáse continuidade a diversificación e reparto dos turistas, cunha especial incidencia no turismo de interior.

Récord do turismo internacional

Por perfil do turista, a evolución foi salientable en todas as tipoloxías, especialmente entre os viaxeiros internacionais, que subiron un 16,6%, cunha demanda récord. Tamén subiron os turistas nacionais (+5,5%) e o turismo dos galegos dentro da Comunidade (+10,3%).

Á positiva tendencia na estratexia galega de desestacionalización, diversificación e internacionalización únese a aposta pola calidade, que permite establecer un destino cada vez máis competitivo e sustentable. Neste sentido, cómpre subliñar a melloría das tarifas hoteleiras, do 5,6%, e da rendibilidade dos negocios do sector, que crecen case un 15%.

Co obxectivo de perseverar nesta liña, o Goberno galego mantén ata o domingo unha intensa presenza na Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid, un dos principais foros de promoción no que presenta as principais novidades para este ano. Trátase de produtos e experiencias que afondan na imaxe de Galicia como un destino auténtico e innovador.

 
Arriba