29 xan 2019

Cultura e Turismo abre a convocatoria de axudas á contratación de persoal en oficinas de turismo de xeodestinos e municipios turísticos

A Axencia Turismo de Galicia, dá continuidade ao seu compromiso co impulso turístico das entidades locais

 
O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe as axudas ao alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia para favorecer a súa internacionalización

 A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de abrir a convocatoria de axudas á contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos e dos xeodestinos galegos, para o que destinará un total de 300.000 euros. Ademais, tamén está aberto o prazo para acceder ás axudas do alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para cursar estudos complementarios no estranxeiro coa intención de favorecer a mobilidade e internacionalización dos futuros profesionais do sector turístico.

Como se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), no caso da liña de subvencións ás entidades locais poderán optar os concellos que conten coa declaración de municipio turístico e tamén xeodestinos, que deberán estar representados por agrupacións de concellos ou por mancomunidades e consorcios locais de Galicia que teñan atribuídas competencias en materia de turismo. O persoal contratado ao abeiro destas subvencións realizarán as súas tarefas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Medio cento o ano pasado

Estas axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva, por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación será ata o 22 de febreiro nas condicións que se especifican no DOG. O ano pasado, a través desta convocatoria de axudas, colaborouse con preto de medio cento de entidades locais.

No caso da liña de axudas ao alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), tal e como se publica hoxe no DOG tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva. Trátase de axudas á matrícula dos estudantes que, tendo finalizados os estudos do gran diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hosteleiras ou diploma superior en Xestión Hoteleira do Centro Superior de Hostelería de Galicia, vaian realizar estudos complementarios para a obtención dun título oficial de Dirección Hoteleira no estranxeiro durante o curso 2018/2019.

Ao abeiro desta convocatoria concederanse un máximo de 20 axudas de estudos, cunha contía máxima de 3.000 euros por alumno sen que, en todo caso, esta cantidade supere o 40% do importe da matrícula. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG.

 

 

Arriba