24 ago 2021

A Xunta reforza a seguridade no Camiño a través da colaboración con Cruz Vermella para prestar asistencia aos peregrinos ante situacións de emerxencia

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación deste programa que funcionará este mes no Camiño Francés coa previsión de prorrogarse e estenderse a outras rutas en 2022

A iniciativa conta con patrullas de socorristas que percorren a ruta en bicicleta para asistir e asesorar aos peregrinos, así como puntos fixos de asistencia en Portomarín, O Pino e o Monte do Gozo e un vehículo itinerante de apoio
 
Alfonso Rueda destaca a aposta do Goberno galego por reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro con medidas como o seguro coronavirus que permitiu reactivar o Camiño neste Xacobeo 21-22 con máis de 80.000 peregrinos no que vai de ano
 
Os efectivos de Cruz Vermella únense no Camiño Francés as forzas de seguridade e aos voluntarios de Protección Civil que vixían e atenden as distintas rutas
 
Presentación da iniciativa de seguridade no Camiño.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do programa de colaboración entre a Xunta con Mapfre e Cruz Vermella para dar asistencia a situacións de potencial emerxencia en puntos do Camiño Francés, na que tamén participaron a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo, e a directora xeral de Relacións Externas e Comunicación de Mapfre, Eva Piera.

Trátase dunha experiencia piloto posta en marcha este mes de agosto nesta ruta, que concentra máis da metade dos peregrinos que chegan a Santiago, coa previsión, de prolongar a iniciativa en 2022 e estendela a outros itinerarios. O acordo inclúe patrullas móbiles de socorristas que percorrerán o Camiño polas mañás de mércores a domingo en bicicleta para prestar acompañamento, asistencia e asesoramento aos peregrinos, mentres que polas tardes funcionarán os puntos fixos de asistencia en Portomarín, O Pino e no Monte do Gozo.

Tanto os postos como as patrullas estarán a disposición dos camiñantes para o que precisen e o persoal -5 socorristas e 1 coordinadora do operativo- contarán coa formación e os materiais necesarios para a prestación de primeiros auxilios. O dispositivo complétase cun vehículo de apoio dotado co equipamento preciso para dar resposta a situacións que superen o nivel de asistencia das patrullas.

Alfonso Rueda incidiu en que o traballo da Xunta para contar cun Camiño Seguro con tódolos trazados acondicionados e melloras nos albergues permitiu a súa reactivación neste Xacobeo 21-22 coa chegada de máis de 80.000 peregrinos. Nesta liña, destacou a aplicación de tódolos protocolos anticovid nas rutas e o reforzo da seguridade coa vixilancia por parte das forzas de corpos de seguridade, así como a través da posta en marcha do Plan de Protección Civil de atención ao peregrino con voluntarios despregados en máis dun cento de concellos. A eles uniranse agora estes efectivos da Cruz Vermella para garantir a mellor atención aos peregrinos.

Nese obxectivo da Xunta apostar pola mensaxe de Galicia como destino seguro e cun Camiño Seguro, o vicepresidente primeiro lembrou que tanto turistas como peregrinos teñen á súa disposición o seguro coronavirus, unha medida pioneira que cubre os gastos sanitarios e de aloxamento derivados da posible situación de infección por covid-19.

Arriba