08 set 2019

Unha vintena de turoperadores rusos coñecen esta semana a oferta turística galega nunha viaxe impulsada por Turismo de Galicia

 A Consellería de Cultura e Turismo organiza esta acción para responsables de Vremia Tour, un dos operadores máis importantes do mercado ruso

 
O percorrido permitirá promover o turismo urbano, cultural, termal e enogastronómico e incluirá accións como paseos en catamarán pola Ribeira Sacra, visita aos cultivos en bateas ou percorridos no Parque Nacional das Illas Atlánticas
 
Os operdores rusos, na cidade de Lugo.

Un grupo de axentes de viaxes do operador turístico ruso Vremia Tours teñen esta semana a oportunidade de coñecer parte da oferta e os recursos turísticos de Galicia nunha viaxe organizada pola Consellería de Cultura e Turismo para promover nos seus países de orixe os valores turísticos da Comunidade.

Son preto de 20 persoas as que participarán nesta visita cun dos operadores máis importantes do mercado ruso. O percorrido permitirá o coñecemento da meirande parte do litoral galego, así como a enogastronomía e bens que xa están declarados Patrimonio Mundial ou que aspiran a selo, con paseos en catamarán e visitas a varios mosteiros da Ribeira Sacra ou un percorrido polas illas Cíes en Vigo.

Esta viaxe de familiarización organizada en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Moscova deu comezo o pasado venres con visita á cidade da Coruña, con percorrido panorámico por un dos paseos marítimos máis largos de Europa e visita á Torre de Hércules. Os participantes visitaron onte Santiago de Compostela onde tamén puideron coñecer os Entroidos galegos, un dos recursos etnográficos máis diferenciadores da Comunidade, xa que asistiron ao desfile de verán organizado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Termalismo

Os vindeiros días, o grupo de turoperadores coñecerán a cidade de Lugo co seu monumento característico, a Muralla; desprazaranse ata a Mariña lucense para coñecer a praia das Catedrais ou concellos como Ribadeo, Viveiro ou Cervo. Tamén se pretende promover o turismo de natureza entre o mercado ruso, polo que a viaxe incluirá unha visita guiada ao Parque Natural das Fragas do Eume. Ademais, estarán presentes varios dos produtos cabeceira de marca como a Ruta da Camelia, con visita a algún dos pazos integrados neste itinerario.

O Grove, a Illa da Toxa, Combarro, Allariz, Pontevedra ou Ourense, onde se incluirá unha xornada de descanso termal, serán outras das paradas programadas. A Ribeira Sacra tamén terá protagonismo, con visitas a varios mosteiros da zona e percorrido en catamarán polo río Miño. Tamén se promoverá outra das candidaturas a Patrimonio Mundial, con percorridos polo Parque Nacional das Illas Atlánticas.

 

 

Arriba