19 set 2019

Galicia afonda na súa estratexia para impulsar o turismo náutico reforzando a súa presenza no Reino Unido e Francia

 A directora de Turismo de Galicia asiste  ao salón náutico de Southampton no que Galicia está a promover os portos deportivos, instalacións e servizos

 
Ademais, a Comunidade galega ten presenza estes días tamén no Grand Pavois, o encontro de referencia en Europa que se desenvolve ata o luns en Francia
 
Nava Castro, na feira náutica británica.

 Coa intención de promover e reforzar a aposta de Galicia polo turismo náutico como parte da estratexia de desestacionalización do modelo turístico galego, a Comunidade está a reforzar estes días a súa presenza internacional coa súa participación en dous salóns náuticos de referencia en Europa, o Southampton Boat Show, en Reino Unido, e o Grand Pavois, en Francia.

Para posibilitar a toma de contacto con outros destinos, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou a feira de navegación do Reino Unido na que Galicia participa por terceira vez consecutiva cun expositor propio, no que tamén está representada Portos de Galicia. Trátase dun encontro que leva celebrándose máis de 50 anos e a Comunidade galega presenta información sobre os portos deportivos, instalacións e servizos, así como dos recursos turísticos das contornas ás zonas.

Ademais, tamén estes días Galicia está a promover o seu potencial náutico en países como Francia, coa participación no Grand Pavois, o salón náutico de referencia en Europa que se celebra no Porto de Minimes de La Rochelle ata o luns e que congrega en cada edición a más de 800 expositores de diferentes países.

Coa presenza de Galicia en ambos encontros, a Comunidade comeza o seu periplo de asistencia a feiras náuticas, que se completará coa presenza da Comunidade no Salón Nautique de París o vindeiro mes de decembro que permitirá as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector.

Galicia reforza así a súa estratexia desestacionalizadora impulsando un sector como o turismo náutico, no que a Comunidade conta con importantes vantaxes competitivas como os máis de 70 municipios costeiros, os máis de 1.500 quilómetros de costa, as súas rías navegables durante practicamente todo o ano. Ademais, o modelo turístico galego fomenta este tipo de actividades vinculadas tamén co turismo mariñeiro ou a creación de experiencias turísticas relacionadas co mar para gozar en tempada baixa, con especial atención ao fomento do deporte náutico e o seu vínculo coa gastronomía e outros produtos crean unha experiencia de alto valor engadido.

 

 

Arriba