10 feb 2020

Turismo de Galicia traballa co sector no deseño do novo Grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira do CSHG

 O conselleiro de Cultura e Turismo participou na primeira reunión do comité de expertos á que asistiron representantes da Universidade de Santiago de Compostela, profesionais do sector, expertos en sustentabilidade e antigos alumnos

O obxectivo é comezar a impartir no curso 2021-2022 este novo grao que contará coa implicación directa do sector a través do sistema de formación dual
 
O Goberno galego dedica máis de 1,6 M€ para mellorar as instalacións e crear un viveiro de empresas no Centro Superior de Hostelería de Galicia
 
Reunión no CSHG.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  na primeira reunión do comité de expertos na que, xunto a profesionais do eido académico e do sector hostaleiro e alimentario, deuse un paso máis no proceso para deseñar o novo Grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

O titular de Cultura e Turismo destacou que a Xunta de Galicia está a traballar co obxectivo de que este poida empezar a impartirse no curso 2021-2022. “Trátase dun grao de consenso no que tivemos en conta as aportacións de todos os sectores implicados”, explicou Román Rodríguez. Neste sentido, nos últimos meses fixéronse diferentes consultas aos sectores facendo un traballo conxunto no que se concluíu a necesidade de apostar pola innovación e a sustentabilidade e de traballar directamente co sector. “Apostamos por un perfil híbrido, con formación en gastronomía e xestión hostaleira, e por un sistema de formación dual no que os alumnos teñen contacto cos profesionais do sector”, detallou.

A reunión para seguir avanzando neste deseño foi un encontro multidisciplinar no que, ademais do conselleiro e da directora de Turismo, tamén participaron expertos da Universidade de Santiago de Compostela, antigos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia, representantes do Clúster de Turismo e do Clúster Alimentario e responsables de cadeas hoteleiras como Carrís Hoteles, Oca Hoteles, Meliá Hoteles e Intercontinental Hotels. Tamén estiveron cociñeiros como Pepe Solla, Javi Oleiros e Francisco Pérez ou representantes do sector innovación, da Fundación Dieta Atlántica ou expertos en sustentabilidade e economía circular.

Nova etapa

O Centro Superior de Hostelería de Galicia comezará a impartir este grao dentro dunha nova etapa na que se levarán a cabo diversas actuacións para mellorar as instalacións e servizos do complexo. Concretamente, o Goberno galego está a destinar preto de 1,6 millóns de euros que permitirán mellorar as condicións de eficiencia enerxética actuando nas cubertas, nos cerramentos ou na iluminación.

Estas obras, que actualmente están en marcha e que está previsto que rematen o próximo verano, súmanse á creación dun novo viveiro de empresas. Trátase dun proxecto que conta cunha achega de 80.000 euros que permitirá adecuar a terceira planta da residencia de estudantes para crear despachos e postos de traballo para novos emprendedores.

 

 

 

 

Arriba