21 feb 2020

Román Rodríguez chama a aproveitar o Xacobeo 2021 para impulsar a celebración de congresos en Galicia

 O conselleiro de Cultura e Turismo participou en Santiago na apertura do 32 Congreso Nacional de OPCs, ao que acudiron preto de 200 profesionais do sector

Salientou que se trata dun sector en auxe na nosa Comunidade que permite atraer un turismo de alto valor engadido e sustentable durante todo o ano

Destacou a boa acollida da liña de axudas específica para a organización destes eventos, o que obrigou a ampliar a contía designada inicialmente

 
Román Rodríguez, na apertura do congreso de OPC´s.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, chamou a aproveitar o Xacobeo 2021 para impulsar Galicia como destino para eventos e feiras. Fíxoo durante o acto de apertura do 32 Congreso Nacional de Organizadores Profesionais de Congresos celebrado en Santiago de Compostela e no que participaronn preto de 200 profesionais.

O responsable de Turismo da Xunta destacou que o próximo Ano Santo impulsará a nosa Comunidade como punto de encontro de culturas e coñecemento, situándoa no centro das olladas a nivel nacional e internacional e favorecendo a posta en marcha de eventos de primeiro nivel. Neste sentido, lembrou que o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 recolle entre os seus obxectivos potenciar a actividade congresual na Comunidade aproveitando a oportunidade desta celebración.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez salientou que o turismo de congresos é un sector en auxe que representa os valores do modelo galego ao favorecer a desestacionalización da oferta, fomentar un turismo de alto valor engadido e sustentable durante todos os meses do ano e ao proxectar unha Galicia innovadora e moderna.

Mostra dese bo momento que vive o sector, apuntou o conselleiro, foi a boa acollida da liña de axudas específica impulsada pola Xunta para a organización destes eventos, que recibiu máis de 200 solicitudes, o que obrigou a ampliar a contía designada inicialmente, pasando dos 500.000 euros aos 600.000 euros.

Condicións idóneas para o sector

O titular de Cultura e Turismo puxo en valor as condicións idóneas das que dispón a nosa Comunidade para poder albergar este tipo de eventos. Neste sentido, destacou a existencia de dotacións idóneas para a actividade congresual ou de establecementos hoteleiros de primeiro nivel, como demostra o feito de que a nosa Comunidade achegue máis do 21% dos hoteis recoñecidos en toda España coa Q de Calidade turística.

Así mesmo, resaltou a capacidade de Galicia para asociar o seu nome a valores como a profesionalidade e a competitividade, pero tamén a outros aspectos como a enogastronomía, a natureza ou a súa paisaxe.

 
Arriba