16 xuñ 2020

Turismo de Galicia e a Asociación de Guías de Turismo colaborarán na adaptación e creación de novos produtos poscovid-19

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Apit Galicia, Tommi Alvarellos, asinaron hoxe un acordo cunha dotación de 80.000€

 
En virtude do mesmo, promoveranse visitas guiadas gratuítas, produtos para escolares ou colectivos e formación hixiénico-sanitaria para os profesionais
 
O acordo enmárcase dentro do programa ‘Galicia destino seguro’, polo que se invisten 8M€ promover a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade
 
O convenio inclúe a posta en marcha dun teléfono gratuíto de información.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia (Apit Galicia), Tommi Alvarellos, asinaron un convenio de colaboración cunha dotación de 80.000€ para a adaptación e creación de novos produtos neste sector tras a crise provocada pola covid-19 e mellorar a formación hixiénico-sanitaria dos profesionais desta actividade.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta salientou a importancia de apoiar a este sector, que constitúe “unha das principais cartas de presentación” do turismo galego. Así pois, en virtude deste acordo, impulsarase a actividade dos guías turísticos promovendo visitas guiadas gratuítas para clientes de hoteis ou a través doutros axentes como axencias de viaxes. Do mesmo xeito, deseñaranse novos produtos orientados a escolares a través do programa A historia a pe de rúa ou a colectivos e grupos, mediante a iniciativa Volver a respirar en Galicia.

O convenio permitirá tamén a posta en marcha de accións de formación en materia hixiénico-sanitaria para os profesionais do sector. De feito, como expuxeron desde Apit Galicia, xa se celebraron un total de oito accións formativas que chegaron a preto de 800 persoas e o acordo prevé a celebración doutros oito obradoiros máis para mellorar a capacitación dos guías turísticos neste eido.

Segundo Román Rodríguez, as accións froito deste acordo buscan favorecer, no escenario poscovid19, a reactivación desta actividade que emprega en Galicia a máis de 800 persoas a través da adaptación da oferta xa existente, a posta en marcha de novos produtos ou favorecendo a formación dos profesionais. Do mesmo xeito, subliñou a importancia de poñer en marcha medidas de apoio coordinadas cos distintos axentes do sector turístico para impulsar a súa recuperación a través de medidas adaptadas ás súas particularidades.

Galicia destino seguro

O convenio enmárcase o programa Galicia destino seguro, que conta cunha dotación global de 8M€ para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade a través de accións de apoio ás empresas, información, formación e asesoramento. Así pois, impulsouse un plan de formación específico impartido polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) e as asociacións provinciais e sectoriais con máis de 500 accións e 50.000 prazas para mellorar as competencias dos profesionais en materia de seguridade sanitaria. Tamén está en marcha un servizo telefónico e online gratuíto para resolver as dúbidas das empresas e particulares do sector neste eido. Ademais, o sector dispón de axudas por 6 millóns de euros para facilitar a volta á actividade de pemes e autónomos co obxectivo de financiar a instalación de medidas de protección.

 
Arriba