12 mar 2021

O bono turístico #quedamosengalicia poderá ampliarse ao conxunto da poboación galega e permitirá mobilizar 6,8 millóns de euros no sector turístico

 O Consello da Xunta deu conta  das novidades e orzamento que a Xunta de Galicia destina a esta iniciativa de estímulo da demanda turística

Neste mes de marzo abrirase o prazo de adhesión para que as empresas se adhiran ao programa

En 2020 preto de 20 mil persoas beneficiáronse destas tarxetas moedeiro por importe de 250€ para consumir en establecementos e servizos turísticos

 
Imaxe do Bono turístico.

O Consello da Xunta deu conta das principais novidades da segunda edición do Bono Turístico #QuedamosenGalicia que a Xunta de Galicia volverá a por en marcha este ano como estímulo da demanda turística, fomento do consumo interno e ferramenta de apoio ao sector turístico. Unha nova edición que poderá estenderse a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego que non foran beneficiarios na edición 2020 e ata esgotar o crédito asignado. 

A Xunta destina a esta nova convocatoria do bono turístico un orzamento de 2 millóns de euros, ao que se lle suma a aportación dos particulares, algo máis de 1,3 millóns de euros. Ademais, a administración autonómica está a tramitar dous convenios de colaboración coa Deputación da Coruña e a Deputación de Ourense, que se amosaron interesadas en participar nesta iniciativa. Ambas entidades farán unha achega prevista de 300 mil e 150 mil euros respectivamente, polo que unha vez incorporados estes importes á convocatoria, mobilizaranse preto de 4 millóns de euros. 

A este importe consignado cómpre sumarlle os 2,8 millóns de euros correspondentes ao importe da convocatoria do Bono Turístico de 2020 que está comprometido pero pendente de gastar. En total para este 2021 mobilizarase neste programa de impulso e reactivación da demanda turística interna de Galicia algo máis de 6,8 millóns de euros. 

Principais novidades

A diferencia da anterior edición, para a de 2021 crearanse tres tramos de bonos turísticos, con tarxetas de entre 250 e 500 euros de saldo que o beneficiario poderá consumir antes do 15 de decembro de 2021 nos establecementos adheridos ao programa. En cada unha destas tarxetas moedeiro a Xunta asumirá o 60% da cantidade total e o particular financia o outro 40%. Así, para a tarxeta de 250€, 150€ asúmeos a Xunta e os outros 100€ o particular; para a tarxeta de 375€, 225€ son asumidos pola Xunta e 150€ polo particular e para a tarxeta de 500€, 300€ van a cargo da Xunta e 200€ a cargo do particular. 

Outra das novidades desta edición é que non se lle esixirá ás empresas turísticas que apliquen ningún desconto sobre os servizos cos que se adhiran ao programa. A previsión é que ao longo deste mes de marzo se publique a convocatoria do bono turística e a resolución de adhesión de empresas turísticas ao programa. 

Apoio ao sector

Coa posta en marcha da nova edición do Bono Turístico, dáselle continuidade ao un programa de reforzo creado para fomentar a demanda interna do produto turístico que permitirá seguir avanzando na reactivación do sector e como complemento doutras iniciativas como o programa de desestacionalización Elixe Galicia. 

En 2020 beneficiáronse do bono turístico un total de 19.808 persoas pertencentes ao colectivo sanitario e sociosanitario de Galicia. Para esta primeira convocatoria expedíronse tarxetas moedeiro de 250€ de saldo por un importe total de 4.952.000 euros.

 

Arriba