10 mai 2021

Turismo de Galicia presentará en Fitur a Galicia como destino seguro e ao Xacobeo como valor turístico engadido

Presentará a súa oferta nun stand de mil metros cadrados que contará, entre outros atractivos, cunha simulación do Camiño de Santiago e cun botafumeiro de prata en tamaño real

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou no acto de presentación do evento que “para vivir e para viaxar, Galicia é o mellor lugar do mundo e o mundo ten que sabelo”

A 41ª edición da Feira Internacional de Turismo é a primeira que se celebra de modo presencial desde a aparición da pandemia

 

Presentación do recinto de promoción do turismo de Galicia en FITUR 2021.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron  no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia o stand co que a Xunta mostrará en Fitur a Galicia como destino turístico seguro e ao Xacobeo como unha oferta diferenciada e con valor engadido pola celebración do dobre Ano Santo.

Na 41º Feira Internacional de Turismo que se celebra do 19 ao 23 de maio no recinto feiral Juan Carlos I de Madrid, a Xunta participará cun stand de mil metros cadrados que servirá de escaparate para mostrar a oferta turística de Galicia e as súas excepcionais posibilidades, ao coincidir a recuperación do sector coa celebración dun dobre Ano Santo.

O recinto dividirase en dez espazos expositivos dedicados a diferentes produtos e destinos turísticos e prevese a celebración de máis de 40 presentacións, ademais dunha zona dedicada ao profesionais que amplía a súa capacidade e incorpora un set virtual para reunións en liña. A área de Galicia na feira complétase con obradoiros de artesanía en vivo, actuacións musicais na fin de semana e un espazo de degustación atendido polos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

A través da fiestra que ofrece Fitur, Galicia poderá mostrarse como un destino turístico seguro co Camiño como refuxio de peregrinos, grazas ao traballo realizado nos últimos meses para adaptar os albergues e as rutas ás condicións sanitarias esixidas pola pandemia e co seguro coronavirus, que garante aos turistas cobertura en caso de contaxio ou corentena. A maiores, Galicia poderá ofrecer unha oferta paisaxística, natural e en contacto coa natureza que se adapta ao modelo predominante polo que se inclina a demanda logo da crise da covid-19.

Atractivos do stand

O stand, que combinará a oferta presencial coa virtual, contará con atractivos como unha simulación do Camiño ou un botafumeiro de prata en tamaño real co que se poderán fotografar os visitantes e que foi cedido por un histórico establecemento compostelán.

O vicepresidente primeiro asegurou que Galicia é o mellor lugar do mundo para vivir e para viaxar, “e o mundo ten que sabelo”, de aí a importancia deste encontro que dará a coñecer a todo o planeta os atractivos da comunidade e as posibilidades que ofrece o Xacobeo 21-22.

Por outra banda, a feira será tamén un recoñecemento ao traballo realizado nun ano especialmente difícil para un dos sectores máis castigados pola pandemia, xa que Galicia cobrará protagonismo coa recollida do galardón ao programa Elixe Galicia como premio ao mellor produto de turismo activo dentro da categoría nacional concedido por Fitur xunto coa revista AireLibre. Ademais, a Xunta recollerá o premio Scout 2019, concedido por Scout España en recoñecemento ao labor da SA Xacobeo no acceso á rede pública de albergues e ao patrimonio social do Camiño de Santiago. No encontro realizarase tamén o acto de traspaso de coordinación da España Verde, que Galicia entregará a Cantabria.

A Feira Internacional de Turismo é a primeira gran cita do sector que se celebra de xeito presencial, polo que os profesionais que asistan están obrigados a realizarse un test de antíxenos ou presentar unha PCR negativa.

A edición 2020 de Fitur acadou un récord de participación, con 10.487 empresas de 165 países e 253.000 visitantes. A oferta galega obtivo unha importante repercusión, con máis de 77.000 visitantes ao seu stand, no que se desenvolveron máis de 40 presentacións e se mantiveron máis de 350 reunións profesionais na área de negocios xestionada polo Clúster Turismo de Galicia.

 

Arriba