17 xan 2022

O stand da Xunta en Fitur acollerá máis de medio cento de presentacións de produtos e destinos turísticos galegos

 Nun stand de máis de 1.000 metros cadrados tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos e contará coa participación de profesionais e de persoal do Centro Superior de Hostelería de Galicia

 
Haberá espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia
 
Levaranse a cabo tamén unha vintena de catas que se desenvolverán nunha ducia de espazos expositivos e informativos
 
Maqueta do stand de Galicia en FITUR 2022.

 A Xunta acolllerá no stand de Fitur medio cento de presentacións de produtos e destinos turísticos da nosa comunidade nun espazo de máis de 1.000 metros cadrados no que presentará a Galicia como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e co Camiño de Santiago como eixo central.

A 42ª edición da feira internacional de turismo se celebrará de xeito presencial do 19 ao 23 de xaneiro, os tres primeiros días para profesionais do sector e a fin de semana, para o público en xeral. Tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia, así como espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia. Ademais dun espazo de promoción da provincia de Pontevedra atendido por persoal da Xunta.

Stand de Galicia

O stand galego terá un deseño moderno e de cores vistosas que queren simbolizar a esperanza e a ilusión coa que Galicia afronta o segundo ano do Xacobeo logo de demostrar no 2021 que era un destino seguro e bater récords no que á recuperación do sector se refire malia a pandemia. Nese sentido, o espazo expositivo contará de novo coa presenza do botafumeiro de prata en tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos e co que, como no 2021, os visitantes poderán fotografarse.

Fitur 2022 celebrarase de novo no recinto ferial Juan Carlos I de Madrid e para reforzar a seguridade sanitaria, vaise pedir o pasaporte covid, o certificado dixital europeo, aos cidadáns da Unión Europea e dos países que fagan uso desta mesma acreditación, mentres que aos demais países se lles solicitará o Spain Travel Health, así como test de antíxenos negativos de non poder presentar o pasaporte de vacinación. No recinto haberá tamén un rigoroso control de ocupación e da ventilación.

 

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba