31 xan 2023

A Xunta pon en valor o sector vitivinícola galego durante a presentación do II Encontro do Viño Galego Revera Vinum

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na rolda de prensa onde se presentou esta nova edición

 
Este encontro pretende dar a coñecer e promover os viños galegos entre os profesionais do sector, a veciñanza e os turistas
 
Nava Castro, na presentación do acontecemento.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta na presentación do segundo Encontro do Viño Galego Revera Vinum, onde destacou o potencial do sector vitivinícola na nosa comunidade.

Este encontro que terá lugar os días 27 e 28 de marzo en Santiago de Compostela pretende dar a coñecer e promover os viños galegos entre os profesionais do sector, a veciñanza e os turistas que visiten Compostela, reunindo para elo diferentes adegas con DO e IPX galegas, que servirá tamén para potenciar o turismo gastronómico e recoñecer tanto a calidade dos nosos viños como o peso do sector na economía galega.
 
 Durante a súa intervención, Nava Castro destacou a calidade do viño galego e a importancia que ten na nosa cultura e na economía de Galicia. Por elo, indicou, dende o Goberno galego ven de deseñar o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía de Galicia, dotado dun orzamento de 34,5M euros, que se desenvolverá no horizonte 2023-2025 co obxectivo de promocionar Galicia como destino enogastronómicos de primeiro nivel e poñer en valor dos territorios vitivinícolas, entre outros moitos eixes.
 
 No encontro, a maiores da área expositiva, no que o visitante poderá atopar recoñecidas referencias das adegas e as D.O. participantes e gozar dun Túnel do Viño con máis de 400 referencias, o Revera Vinum contará cun amplo programa de actividades, entre as que destacan catas históricas, obradoiros, degustacións, mesas de debate e relatorios con sumilleres, enólogos e xornalistas especializados, que se celebrarán durante os dous días que dura o evento, ademais da entrega dos Premios Gallaecia e a Distinción Revera Vinum para recoñecer o traballo das persoas que loitan por poñer en valor o viño galego.
 
Arriba