A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do Proxecto Lugares, unha nova iniciativa impulsada pola Xunta e a Fundación “La Caixa” coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público do Camiño de Santiago.
Este proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo, propón, da man da comunidade local, imaxinar e deseñar intervencións paisaxísticas e arquitectónicas sostibles, con materiais naturais e de proximidade, coa intención de poder implantalas en territorios atravesados pola ruta xacobea.
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia incidiu na importancia desta iniciativa a través da cal, segundo a cal protéxese e valorizase o patrimonio cultural e natural como soporte de base económica atendendo a un recurso concreto, o Camiño de Santiago.
O Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar no contexto do Camiño de Santiago, coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027. O programa está conformado por catro procesos de traballo, dos cales o primeiro deles é a mediación, que se están a desenvolver desde o mes de febreiro tanto en Palas de Rei coma en Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño.