23 xan 2024

A Xunta impulsa un novo Plan de Sostibilidade Turística de 1,5M€ ao redor da enogastronomía en 10 concellos de Condado-Paradanta

Salvaterra

O Consello da Xunta autorizou a subscrición dun convenio de colaboración coa asociación de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta para a posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística en Destino por valor de 1,5M€ nos 10 concellos da comarca que representa esta entidade. Incluirá medidas que potenciarán as posibilidades que a enogastronomía ofrece neste territorio coa creación de rutas e experiencias enogastronómicas, a posta en marcha de traballos de investigación sobre gastronomía ou un reforzo da formación do sector, entre outras.

O plan contará con propostas nos 10 concellos da comarca: A Cañiza, Arbo, As Neces, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. O plan ten unha folla de ruta ata 2026 e inclúe distintas actuacións estratexias que procuran a mellora da xestión turística do destino poñendo en valor a súa enogastronomía. Entre elas, inclúese a posta en marcha de propostas ao redor da recuperación do río Tea, a posta en valor do potencial gastronómico da agrogandería, a elaboración de itinerarios ao redor da gastronomía, a creación de experiencias enoturísticas e incorporación de talento turístico ou o deseño de plans de formación para os profesionais, entre outras.

Máis de 34M€

Esta nova folla de ruta inclúese no Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia que a Xunta lanzou o ano 20203 cun investimento de 34,5M€ ata o ano 2025 dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo.

Este Plan Territorial galego inclúe a posta en marcha de medidas destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras. Tamén inclúe a posta en marcha de 13 Plans de Sostibilidade Turística en Destino -como o autorizado hoxe- dos que se benefician un total de 80 concellos galegos. 

Arriba