23 xan 2024

O expositor da Xunta en Fitur acollerá preto de medio cento de presentacións que afondarán na capacidade de Galicia para diversificar o turismo

Fitur

A programación que Galicia levará á Feira Internacional de Turismo, Fitur 2024, en Madrid a partir do vindeiro mércores 24 incluirá preto de medio cento de presentacións no expositor institucional da Xunta que reforzarán a capacidade da Comunidade por ofrecer propostas diferenciadas e singulares nos distintos concellos galegos, afondando así na diversificación e na calidade da oferta e dos productos galegos. 

 
Entre as propostas que se darán a coñecer incluiranse algunhas novidades da man da Xunta de Galicia como o produto que propón coñecer 27 pequenos tesouros -entre igrexas, fragas, pontes, recursos patrimoniais-, que se poden descubrir percorrendo os distintos itinerarios do Camiño de Santiago. Outras propostas porán o foco, por exemplo, nos xeoparques recoñecidos pola Unesco ou na rede de espazos naturais e recente incorporación para a súa visita de lugares como a Illa de Tambo.
 
Tamén terán protagonismo os Entroidos, como un importante reclamo desestacionalizador do destino galego, así como as novidades deste ano de productos consolidados como os Trens Turísticos de Galicia. O expositor de Galicia en Fitur acollerá tamén a presentación das principais exposicións que a Xunta programará este ano en Galicia, ao que se sumarán as presentación que realizarán diferentes concellos e xeodestinos con algúns dos productos e iniciativas xurdidos ao redor dos seus Plans de Sostibilidade Turística, entre outras moitas propostas.
 
A calidade da gastronomía galega, os portos, ou o termalismo tamén terán presenza nas actividades e presentacións do expositor, onde tamén haberá espazo de traballo habilitado para reunións de negocios, representada polo Clúster Turismo de Galicia, co obxecto de favorecer a súa dinamización e os seus  contactos comerciais directos.
 
En Fitur 2024 Galicia ofrecerá tamén distintas demostracións culinarias comentadas por profesionais da cocina galega e degustacións, previa reserva, entre outros, de productos pertencentes a Galicia Calidade, Agacal ou Galicia sabe Amar.
 
Tamén se contará coa participación de alumnos e profesores do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) con degustacións e habilitarase un espazo para amosar o labor das redeiras e artensaría. En concreto, haberá un obradoiro en vivo con artesás da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, con marca Artesanía de Galicia, que na actualidade combinan o seu traballo do mar cunha exitosa carreira na elaboración de complementos.
 
Música e degustacións
Ademais, a Xunta volverá facer unha clara aposta pola accesibilidade, coa presenza de intérpretes en linguaxe de signos e durante a feira tamén está previsto que Galicia recolla o relevo do País Vasco para asumir a coordinación da marca turística do norte peninsular, a España Verde, nun acto que se celebrará o xoves.
 
Durante a fin de semana, a actividade da feira abrirase ao público. O expositor de Galicia seguirá coas demostracións culinarias comentadas, catas e degustacións, e incluirase a animación a cargo de persoeiros representativos dos Entroidos e as actuacións musicais de Mondra, compositor, cantareiro, bailador, instrumentista e un dos referentes da música trad, e de Ailá, grupo formado por recoñecidos músicos, como Xan Pampín, Angela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañeta que ofrecen música tradicional galega de transmisión oral.
 
O sábado contarase tamén coa participación de Lil Kids, o grupo galego de danza urbana ganador da novena e última edición de Got Talent España cunha actuación dedicada ás Meigas. Pertencentes á escola de baile Paso a Paso de Narón, levarán a cabo tres actuacións máis estreitamente relacionadas con Galicia, fusionando danza urbana e tradicional.
 
Retransmisións en directo
Nesta edición 2024, Galicia aposta por consolidarse como un destino de calidade, sustentable, diferenciado e respectuoso e todas estas actividades levaranse a cabo no renovado expositor temático deseñado cun alto grao de orixinalidade ao redor dos recursos ligados á auga en todas as súas vertentes. 
 
A programación completa da actividade profesional no expositor da Xunta de Galicia está dispoñible na páxina de Turismo de Galicia, desde onde tamén se poderán seguir en directo en streaming algunhas das actividades programadas. 
 
Arriba