13 xuñ 2024

A Xunta comprométese a seguir garantindo o mellor servizo turístico no spa de viñoterapia de Leiro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, respondeu no Parlamento de Galicia unha pregunta sobre os resultados do spa de viñoterapia situados no Mosteiro de San Clodio, en Leiro, sobre o que manifestou o compromiso da Xunta de Galicia por seguir garantindo que a empresa concesionaria ofreza os mellores servizos turísticos, para o que, recordou, está en “constante diálogo” coa empresa concesionaria e co Concello.

Xosé Merelles referiuse ao carácter “pioneiro” deste centro aberto no ano 2018 para contribuír a dinamizar desde o punto de vista turístico o interior da Comunidade. “Para favorecer o fluxo de turistas á provincia de Ourense apostamos por proxectos novidosos como estes que tivesen en conta valores autóctonos do noso territorio e o spa, no corazón do Ribeiro, naceu como un elemento clave para potenciar a comarca como destino termal e enogastronómico de primeira orde”, explicou.

Como indicou, neste tempo o Goberno autonómico é coñecedor de que existe un compromiso da empresa por manter en funcionamento este centro de acordo ao estipulado nos pregos da concesión e recordou que a Xunta de Galicia permanece vixiante para que así sexa, facendo uso do seu labor inspector e “instando a que se corrixan as posibles deficiencias, de ser o caso”.

Neste sentido relatou que os pregos inclúen a posibilidade de algúns dos peches foron por razón técnicas, de mantemento ou causas extraordinarias, como se deu durante a crise sanitaria da covid e recordou que non existiu por parte da empresa titular da concesión ningunha petición de modificación do canon “que non sufriu variación algunha e segue sendo o mesmos desde o principio da concesión”, dixo.

Xeración de emprego

Referiuse tamén á capacidade da concesionaria do Mosteiro de San Clodio de xerar emprego na comarca do Ribeiro, que, ademais, experimentou un notable pulo turístico desde 2018 -data de apertura do spa-, cun 7% máis de visitantes, “e moitos deles escolleron o Hotel-Monumento de San Clodio como lugar para se aloxar e para desfrutar das súas dependencias anexas, nas que se sitúa o spa”, expresou.

“Sabemos que hai aspectos mellorables, por suposto. Nestes seis anos, a concesionaria propuxo unha serie de cambios, houbo propostas de mudanzas sobre as condicións do prego e houbo respostas dende a Axencia Turismo de Galicia para asegurar que as condicións dos pregos se cumpren”, expresou.

Indicou que a Xunta continuará en contacto continuo co Concello de Leiro e coa concesionaria para “coñecer de primeira man as necesidades para unha xestión mais eficaz, acorde á importancia da comarca na que se encontra e a os novos cambios nos hábitos dos viaxeiros.

O director de Turismo enmarcou, ademais, este centro no forte impulso que a Xunta de Galicia está a dar ao termalismo e enogastronomía a través de distintas iniciativas de notable éxito como o deseño con fondos Next Generation de Plans de Sustentabilidade Turística ao redor da Enogastronomía e mesmo das Vilas Termais e Cascos Históricos que se están a desenvolver en distintos territorios galegos, ou a creación da Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, que ten como obxectivo promover a proxección exterior de Galicia como un referente neste ámbito.

Arriba