07 set 2024

Máis de 400 representantes dos entroidos galegos desfilaron polas rúas de Santiago para promover a desestacionalización turística

Máis de 400 persoas participaron hoxe no tradicional desfile de entroidos tradicionais que cada ano organiza a Xunta durante o verán como incentivo para que os visitantes coñezan os recursos galegos e volvan a Galicia durante o inverno para participar destas festividades.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu á saída desde a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela,  e animou a que visitantes e turistas volvan durante o inverno “para coñecer recursos que nos fan únicos como destino, como son os nosos entroidos tradicionais”. “Este é un xeito que nos está dando resultados á hora de desestacionalizar o noso turismo, para que veñan en inverno e se queden en Galicia durante varios días que dura o entroido”, salientou o director de Turismo de Galicia.

Segundo explicou Xosé Merelles, esta acción impulsada e promovida por Turismo de Galicia vense desenvolvendo nos últimos anos e está a ter “unha importante resposta” tanto á hora de dar a coñecer esta celebración como logo, no índice de asistentes a estas citas, que se celebran en pleno inverno e “que están a ver como cada ano se incrementa o interese”, sinalou.

Neste sentido, recordou que Galicia está avanzando en desestacionalización, con importantes incrementos de demanda turística fóra de temporada alta. No que se refire ao Camiño de Santiago, indicou que este ano, en xaneiro e febreiro incrementouse o número de Compostelas un 10% e un 6% e no que se refire á actividade turística habitual, este ano tamén destacou o positivo comportamento de meses como a demanda hoteleira en febreiro que medrou case un 4% ou maio, onde a totalidade dos establecementos rexistraron un incremento dun 14%.

Protagonistas do Entroido galego

Con estas accións preténdse seguir afondando neste aspecto. Participaron repreesntantes de de catro entroidos declarados Festa de Interese Turístico (Vilaboa, Verín, Viana do Bolo e Xenerais da Ulla) e outros 10 entroidos invitados dentro dos moitos carnavais que enriquecen a memoria de Galicia e forman parte do noso patrimonio, que nesta edición serán os Volantes de Chantada, as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós, o Entroido de Samede (Paderne),  os Galos da Mezquita (A Merca), os Follateiros (Lobios), os Madamitos e Madamitas de Entrimo, os Felos de Esgos, Fulión de Buxán e os Mudados de Ribadetea (Ponteareas).

Nun percorrido que da Praza do Obradoiro, os veciños, visitantes e turistas que se atopaban nese momento visitante a capital de Galicia puideron coñecer de primeira man os principais protagonistas dos distintos entroidos galegos. 

O desfile disccorreu polas rúas de Fonseca e do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, para rematar de novo na Praza do Obradoiro.

 

Arriba