10 xul 2017

Turismo de Galicia remata a mellora de tres tramos do Camiño Primitivo cun investimento de máis dun millón de euros

 ava Castro supervisou no concello lucense de Castroverde o resultado das obras de recuperación e sinalización, que fan máis accesible e segura a ruta xacobea

Colocáronse máis de 500 mouteiras, preto de 100 cunchas cerámicas e máis de 15 cunchas de bronce, ademais de adecuar os treitos onde o paso estaba impedido

 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, supervisou  os traballos de recuperación, sinalización e mellora executados no Camiño Primitivo, que esta semana cumpre dous anos como Patrimonio Mundial da Unesco. As obras desenvolvéronse en tres tramos diferentes nos concellos lucenses da Fonsagrada, Baleira e Castroverde, e no coruñés de Melide, onde o Camiño Primitivo únese ao Francés.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a directora de Turismo percorreu un dos tramos intervidos do Camiño Primitivo no concello de Castroverde. Os traballos desenvolvéronse ao longo de máis de 17 quilómetros, cun investimento que supera os 1,1 millóns de euros. En total, colocáronse máis de 500 novas mouteiras, preto de 100 cunchas cerámicas, máis de 15 cunchas de bronce e outros sinais adicionais

Con estas melloras, o Camiño Primitivo, cuxa combinación de natureza e patrimonio cultural xera cada vez máis interese entre os peregrinos, é unha ruta máis accesible e segura. En só unha década, a cifra de camiñantes que o percorren multiplicouse por catro e o pasado ano acadou a seu rexistro máis elevado con máis de 12.000 persoas. Desde a súa inclusión na prestixiosa lista da Unesco non deixa de medrar e agárdase que se manteña a tendencia.

Segundo a nova delimitación oficial

Na súa visita, Castro puido comprobar o resultado das obras, que incluíron a recuperación dos tramos nos que o paso atopábase impedido, mediante o acondicionamento e apertura dos mesmos. Despois, procedeuse a súa sinalización segundo a nova delimitación oficial. Ditas actuacións respectan tanto o ancho existente como os valores tradicionais do Camiño de Santiago. Os traballos completáronse coa limpeza e creación de cunetas, a realización de pasos de auga e a restauración ou estendido do firme con materiais acordes á contorna.

“O Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, presentado poucas semanas despois da consecución do título da Unesco en 2015, incluía compromisos para mellorar esta ruta”, subliñou a directora de Turismo, quen celebrou que xa se pode comprobar que moitas das propostas avanzadas entón “son unha realidade e melloran a experiencia dos peregrinos”.

Os traballos no Camiño Primitivo leváronse a cabo nos tramos de O Acevo ata Paradavella, no concello da Fonsagrada; de A Calzada, no concello de Baleira, a San Miguel do Camiño, no concello de Castroverde; e nun terceiro nos concellos de Castroverde e Melide. Súmanse a outros como os executados no Camiño do Norte, que esta semana tamén supervisou a directora de Turismo. Ambas intervencións “fan máis accesible e segura a ruta xacobea”.

 

 

Arriba