14 xul 2014

Os trens turísticos de Galicia venderon xa o 25,8% do total das prazas ofertadas no primeiro mes de funcionamento

A pasada fin de semana inaugurouse o Tren Turístico das Rutas dos Viños de Valdeorras e Ribeira Sacra e tamén realizaron percorridos os trens turísticos de Pazos e Xardíns Históricos; O Ribeiro-Rías Baixas e mais o dos Faros.


As novas rutas turísticas en tren postas en servizo este ano están a resultar moi exitosas. O tren dos Faros estivo completo a pasada fin de semana e esta, así como o de Valdeorras o pasado domingo.

O tren dos Pazos e o de Rías Baixas-Ribeiro tamén rexistran taxas elevadas de ocupación para esta fin de semana.

O pasado xoves comezou a funcionar o Train&Breakfast Camiño de Santiago que ofrece un modo diferente de facer a ruta combinando o traxecto por ferrocarril coas rutas a pé ou en bicicleta e que o pasado sábado chegou a Galicia.

As vindeiras saídas previstas para realizar este percorrido dende Barcelona son os días 1 e 14 de agosto e mais o día 1 de setembro.
 

O programa de rutas turísticas en tren ‘Galicia a todo tren’ promovido por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe está a acadar gran acollida. Da totalidade das prazas ofertadas xa se venderon o 25,8% dende a posta en marcha da primeira das rutas o 14 de xuño.


Así, a posta en marcha de cinco novas rutas turísticas en tren polas Rutas dos Viños de Galicia están a rexistrar elevadas vendas nos billetes, así, o Tren Turístico das Rutas dos Viños de Valdeorras-Ribeira Sacra estivo completo a pasada fin de semana no seu percorrido inaugural do domingo.


Tamén as ruta dos Faros rexistra gran afluencia de público, estivo completo para a pasada fin de semana –sae o sábado- e tamén para os dous días da fin de semana que ven. A ruta dos pazos tamén rexistra vendas marca, de igual modo que a da ruta turística en tren polas Rutas dos Viños de Rías Baixas e Ribeiro.


Valdeorras-Ribeira Sacra, o pasado domingo
O domingo 13 de xullo o tren da Ribeira Sacra-Valdeorras realizou o seu percorrido inaugural. Partiu ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegararon a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar a xornada nas denominacións de orixe protexidas da Ribeira Sacra e Valdeorras.


Logo da partida, o tren dirixiuse cara a Santo Estevo de Ribas de Sil, onde os viaxeiros puideron facer unha travesía en catamarán desde o embarcadeiro de Santo Estevo polo encoro do mesmo nome. Máis tarde, desde Santo Estevo viaxaron en tren ata a estación da Rúa-Petín, na comarca de Valdeorras.


No Concello da Rúa,visitaron unha adega adscrita á Denominación de Orixe Protexida Valdeorras, onde se desenvolveu unha cata dos viños máis senlleiros da zona e unha pequena degustación de produtos gastronómicos locais. Logo do xantar, os viaxeiros dirixíronse en autobús cara o Santuario das Ermidas, no Concello do Bolo, e no traxecto puideron coñecer a parte occidental da comarca ourensá de Valdeorras.


Tras voltar á estación da Rúa-Petín, onde colleron o tren de regreso a Ourense, os viaxeiros fixero un alto na ruta para visitar a Aula do Ferrocarril, situada na estación dos Peares. Desde aquí, xa no tramo final da ruta, achegáronse ata Ourense, onde rematou a xornada.

Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se poderá reservar o billete. O prezo dos billetes é de 40 euros para os adultos e 10 euros apra os menores de 14 anos, para as viaxes dun día. Existen descontos para fins de semana e traslados desde outras cidades.


Train&Breakfast Camiño de Santiago, ocupación completa

O pasado xoves púxose en marcha o Train&Breakfast Camiño de Santiago que ofrece un xeito alternativo de realizar a Ruta Xacobea combinando o traxecto en tren coa realización de etapas en bicicleta e a pé, xunto con visitas e actividades. Esta primeira saída rexistrou unha ocupación completa nas súas 50 cabinas disponibles. Esta elevada ocupación xerou a programación dunha viaxe adicional a mediados de agosto ademais das previstas inicialmente. As vindeiras saídas previstas serán entón os días 1 e 14 de agosto e mais o día 1 de setembro.


O tren saíu o día 10 de Barcelona e chegou o 14 de xullo de volta á cidade condal. As etapas que percorreu en Galicia son o Monforte de Lemos-Ourense e Ourense-Santiago de Compostela, os días 12 e 13, respectivamente.


Os pasaxeiros realizan unha etapa do camiño a pé entre Triacastela e Sarria ou ben a etapa en bicicleta do Cebreiro a Sarria. Tamén poden optar pola visita a Monforte e por xantar en Sarria ou en Monforte. Despois trasládanse a Ourense e visitan Allariz e Ourense termal, e teñen tempo libre para a cea e pasan a noite en Ourense.


O domingo realizaron unha etapa do Camiño a pé ou en bicicleta entre Ourense e Santiago ou puideron optar por trasladarse en tren a Santiago e ir á Misa do Peregrino. Visitaron a cidade e partiron cara a Barcelona.
Esta viaxe custa 400 euros por persoa en compartimento dobre e hai desconto do 40% para nenos de menos de 14 anos.
 

Arriba