21 xuñ 2016

´Quero Galicia`, campaña de Turismo de Galicia para o verán

Pretende captar o interese do público nacional e estranxeiro contando en primeira persoa as sensacións e experiencias do viaxeiro

O obxectivo é superar os 5 millóns de visitantes en 2016 e atraer turismo vacacional, de peregrinación e de estancias breves a longo de todo o ano

Ten un investimento de 4 millóns de euros e precisou de 15 días de traballo para percorrer 5.000 km e amosar 180 localizacións en 800 planos
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou  a campaña publicitaria de 2016 para a promoción de Galicia como destino, subliñando que se trata dunha iniciativa pioneira a nivel nacional por ser a primeira deste tipo que se realiza en formato selfie.

Nava Castro avogou por esta campaña para lograr superar os 5 millóns de turistas en 2016 e consolidar a Comunidade como destino vacacional, de peregrinación e de estancias breves a longo de todo o ano e non só na época estival. Desta maneira, segundo a directora, apóstase polo desenvolvemento dun sector que xa representa máis do 11% do PIB e o 12% do emprego na Comunidade.

A directora expuxo que se mantén o slogan Quero Galicia, pero que este ano se opta por un “formato innovador” e adaptado aos novos tempos. Desta maneira, a pretensión e amosar Galicia a través da experiencia en primeira persoa do viaxeiro para transmitir sensacións que xeren unha reacción positiva no público obxectivo.

Emisión da campaña e elaboración do anuncio
A campaña, dotada cun investimento de 4 millóns de euros e con financiamento de fondos europeos, terá tres quendas: primavera, verán e outono. A primeira delas xa foi posta en marcha cara a promover Galicia como destino durante o entroido, a Semana Santa e as pontes de maio.

A cobertura de medios de comunicación acada o 88,2% de TV nacional, o 60,4% da radio, o 28,2% da prensa, o 10,5% dos suplementos e o 68% de internet. A meta é chegar á maior parte da poboación española, principal mercado emisor de turismo para a Comunidade, e que os galegos coñezan máis de preto o seu territorio no ámbito turístico facéndolles partícipes tamén desta campaña.

Así mesmo, Nava Castro explicou que para chegar ao contexto internacional, que “vén rexistrando marcas históricas nos últimos tempos”, se desenvolverán accións publicitarias en internet en Portugal, Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia e Estados Unidos.

Para a elaboración do anuncio, tres grupos de viaxeiros recrearon as súas experiencias dende diversos puntos de vista durante máis de 15 días de traballo nos que percorreron 5.000 quilómetros ao longo da Comunidade para amosar máis de 180 localizacións e uns 800 planos.

Incremento de viaxeiros e pernoitas
Nava Castro explicou que no ano 2015 Galicia recibiu 4,58 millóns de viaxeiros, un 11,9% máis que o ano anterior, que realizaron máis de 9,2 millóns de pernoitas, un aumento do 8,4% en relación a 2014. Estas cifras supuxeron que a Comunidade liderase o crecemento nacional en número de viaxeiros e que acadase a cifra máis elevada de pernoitas dos últimos cinco anos.

A directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na continuidade en 2016 desta tendencia positiva xa que no primeiro cuadrimestre xa se rexistraron máis de 920.000 viaxeiros e 1,7 millóns de pernoitas, o que supón un incremento do 8% en relación ao mesmo período do pasado ano e os niveis máis elevados dende 2008 no caso dos viaxeiros e dende 2010 no relativo ás pernoitas.

Arriba