30 mai 2017

Un grupo de diplomáticas estranxeiras e un xornalista canadense visitan a comunidade galega en sendas viaxes organizadas por Turismo de Galicia

 As diplomáticas coñeceron a meta do Camiño de Santiago e parte da oferta gastronómica, cultural e de costa da comunidade galega

A xornalista canadense, que traballa para recoñecidas publicacións con máis de 100.000 lectores, percorreu as últimas etapas do Camiño do Norte

Turismo de Galicia organizou o ano pasado 25 viaxes de familiarización como estas para difundir os valores turísticos entre os cidadáns dos países dos que proceden

 

U n grupo de preto de 20 mulleres diplomáticas estranxeiras desprazáronse estes días a Galicia para coñecer a meta do Camiño de Santiago, así como parte da costa galega e a gastronomía.

Tamén visitou a comunidade galega un xornalista canadense que realizou as últimas etapas do Camiño do Norte coa intención de difundir os valores da Ruta Xacobea en Norteamérica, nunha viaxe de familiarización co destino turístico, organizada por Turismo de Galicia.

Durante a súa estadía, o grupo de diplomáticas realizou un completo tour pola comunidade para coñecer os lugares máis importantes relacionados coa cultura xacobea. Tamén se achegaron a distintos museos e centros culturais e coñeceron algunhas contornas relacionadas co produto turístico ‘Viños e camelias’, ademais de visitar a costa galega na que tamén tiveron unha experiencia enogastronómica.

Pola súa banda, o xornalista canadense Darrel Comeau, que traballa nas prestixiosas publicacións relacionadas coa natureza e os deportes ao aire libre Get Out There Magazine e Get Out There Online –que contan con 100.000 lectores e 25.000 subscritores respectivamente- percorreu as últimas etapas do Camiño do Norte desde Ribadeo ata Santiago nunha viaxe de familiarización co destino turístico.

Recursos naturais e culturais

Na súa estadía, este profesional canadense da comunicación visitou os lugares máis destacados deste Camiño, así como outras zonas próximas á ruta no ámbito dos recursos naturais e culturais. Tamén coñeceu costumes galegas e outros recursos turísticos relacionados coa gastronomía e os viños.

A viaxe organizada por Turismo de Galicia pretende promover a cultura xacobea no mercado Norteamericano. Concretamente, no que respecta aos peregrinos canadenses, no ano 2016 foron 4.354 os que recibiron a Compostela, un 3,56% máis que no mesmo período do ano anterior. No que vai de ano, xa son 786 os peregrinos canadenses que chegaron a Santiago, un 6,5% máis que no mesmo período do ano 2016.

Viaxes de familiarización

Turismo de Galicia desenvolve todos os anos un programa de viaxes de familiarización para axentes de viaxes, xornalistas e outros colectivos con capacidade para difundir os valores turísticos da comunidade galega entre os cidadáns dos países dos que proceden.

Así, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia organizou o ano pasado máis de 25 actividades deste tipo, algunhas en colaboración coas oficinas de Turismo de España no estranxeiro, que levaron a oferta turística galega a máis dunha decena de países distintos.

 

 

 

Arriba