04 feb 2019

Máis de 20.000 persoas visitaron as exposicións impulsadas por Cultura e Turismo para divulgar o fenómeno Xacobeo no mundo

 As mostras itinerantes percorreron durante o ano pasado diferentes cidades galegas, pero tamén se achegaron a Portugal e aos Estados Unidos

 
En 2019 visitarán varias localidades emprazadas na Vía da Prata, o itinerario no que o Plan director do Camiño de Santiago prioriza as accións este ano
 
Exposición sobre O Camiño de Santiago.

 Máis de 20.000 persoas visitaron durante 2018 as diferentes exposicións itinerantes programadas en Galicia, Portugal e Estados Unidos pola Consellería de Cultura e Turismo para divulgar o fenómeno xacobeo no mundo e que inclúen dende mostras fotográficas de gran formato en tres dimensións, ata ilustracións a modo de guía do Camiño de Santiago inspirada no Códice Calixtino.

Diferentes vilas e localidades do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa -nos que o Plan director do Camiño de Santiago priorizaba os seus investimentos en 2018- acolleron a exposición De Mar a Mar. O Camiño de Santiago en 3D que foi visitada por máis de 5.700 persoas ao seu paso por Pontevedra, Padrón, Coimbra, Caldas de Reis e as localidades portuguesas de Braga e Valença do Minho.

Tamén en Portugal, nas localidades de Condeixa a Nova e Trancoso, así como na cidade de Vigo programouse a mostra fotográfica Vía Iacobitana. Os Camiños de Santiago en Galicia na que varios fotógrafos amosan a súa particular visión da experiencia da peregrinación. E en Santiago de Compostela, a proposta expositiva centrouna a mostra do ilustrador Joaquín González Dorao, O Camiño de Santiago debuxado. Ambas exposicións foron visitadas por máis de 13.100 persoas.

Durante 2018, o Camiño de Santiago tamén reforzou a súa presenza en Estados Unidos –o terceiro país estranxeiro do que chegan máis peregrinos- grazas á exposición The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage, que amosa a riqueza e diversidade da experiencia contemporánea da peregrinación a través de impactante material audiovisual e fotografías de Manuel Valcárcel. Máis de 2.000 persoas a visitaron no Campus da Universidade de Harvard, en Boston, e tamén no Instituto Cervantes de Chicago.

Rumbo a Nova York

Dentro do seu compromiso por dinamizar socioculturalmente os diferentes itinerarios xacobeos e tamén por promover a difusión e divulgación do fenómeno xacobeo no mundo, está previsto que exposicións como estas continúen a súa itinerancia durante 2019, de xeito destacado en localidades polas que atravesa a Vía da Prata, á que o Plan director do Camiño de Santiago dedica este 2019.

Ademais o percorrido da exposición itinerante The Way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage, continuará este ano nos Estados Unidos, xa que está prevista a súa presenza o vindeiro mes de marzo na asemblea anual de American Pilgrims en Carolina do Norte e na cidade de Nova York no mes de xullo.

 

Arriba