11 feb 2019

A Xunta financia a primeira área de servizo de autocaravanas da comarca en Betanzos grazas a unha achega de 45.000 euros

Esta colaboración da resposta ao compromiso da Consellería de Cultura e Turismo co desenvolvemento turístico dos concellos especialmente no eido rural

Este espazo de estacionamento será un novo atractivo para o concello que no 2019 vivirá un intenso ano turístico, especialmente marcado polo seu 800 aniversario
Betanzos terá unha área para autocaravanas.

A Xunta financia a nova área de autocaravanas de Betanzos que se acondicionou no paseo de Ramón Beade, ao lado do parque de Pablo Iglesias. Esta actuación foi posible grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo no que a Xunta aporta 45.000 euros para que o concello puidese levar a cabo esta obra.

Esta colaboración se encadra dentro do compromiso da Consellería de Cultura e Turismo de colaborar cos concellos e entidades locais para poñer en valor os seus recursos turísticos especialmente no eido rural. Con esta actuación Betanzos e a comarca contarán coa primeira área de servizo de autocaravanas o que lle permitirá aos viaxeiros que empreguen este medio de transporte dispoñer dunha zona de parada con todo tipo de servizos e facilitar así a visita á vila de Betanzos e municipios da contorna”.

Esta nova zona de estacionamento está localizada nunha parcela situada no Paseo Ramón de Beade nun espazo que conta con case 5.000 metros cadrados, dos que máis de 1.200 se destinaron a esta área para autocaravanas. Este novo espazo ten capacidade para 12 vehículos, outra zona de espera contigua á plataforma de estacionamento e outra específica de servizos.

Esta colaboración co concello resposta ao compromiso que desde a Consellería de Cultura e Turismo hai co desenvolvemento turístico diversificado que busca a desestacionalización da demanda turística, a especialización da oferta e a diversificación dos fluxos. Ademais, se está conseguindo que Galicia sexa un destino diversificado con atractivos turísticos repartidos por toda a xeografía en boa medida grazas a esta liña de axudas como a que permitiu a posta en marcha desta área para autocaravanas. Ordes coma estas son ferramentas estupendas para acadar este obxectivo e por iso xa está aberta a convocatoria de 2019 de varias liñas de colaboración cos concellos como a de persoal para oficinas de Turismo ou os Premios Galicia Parabéns.

Este espazo de estacionamento será un novo atractivo para Betanzos que en 2019 vivirá un intenso ano turístico, especialmente marcado polo 800 aniversario con moitas actividades que se sucederán nos vindeiros meses.

Betanzos terá un importante peso na política turística da Xunta en 2019, protagonizará unha das novas apostas de Turismo: Un paseo de historia e vida, no que se propoñen visitas guiadas polos cascos históricos de Galicia, entre eles, Betanzos, cos seus establecementos comerciais, cos seus restaurantes e co seu amplísimo patrimonio.

Este concello tamén se incluirá dentro da promoción da Xunta para Semana Santa, xa que está incluído dentro das Festas de Interese Turístico Galego, xunto con Cangas, Fisterra, Mondoñedo, Paradela e Santiago de Compostela.

 

Arriba