25 feb 2019

Xunta, Concello e empresariado impulsan en Redondela o uso do galego no sector da hospedaxe

 Valentín García participou nun encontro onde se analizou a potencialidade do noso patrimonio lingüístico para atraer os turistas e peregrinos que chegarán á vila na estela do Xacobeo 21

 
As xuntanzas co empresariado son unha das medidas recollidas no Plan de dinamización no tecido económico 2016-2020 que está desenvolvendo a Secretaría Xeral de Política Lingüística
 

 Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, participou  nun encontro co empresariado responsable dos establecementos de hospedaxe de Redondela coorganizado pola Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, polo Concello e pola Asociación de Empresarios de Redondela. Durante a xuntanza, traballouse na coordinación de actividades e na presentación de material divulgativo vencellado ao Xacobeo 21, así como na promoción turística, cultural e lingüística do Camiño Portugués, o segundo en número de afluencia tras o Camiño Francés.

O responsable de Política Lingüística interveu na inauguración do encontro e abriuno posteriormente co relatorio Presentación de liñas de traballo entre Secretaría Xeral de Política Lingüística e Turismo de cara ao Xacobeo 21. Na súa intervención, lembroulles aos empresarios e empresarias que “un 20% dos peregrinos sinalaron as motivacións culturais e lingüísticas para facer o Camiño, de maneira que o idioma se converte na terceira das causas que levan aos viaxeiros a percorrer a Ruta Xacobea, tras a experiencia persoal e a gastronomía”. Con este dato na man, o secretario xeral explicou que, “igual que sucede no ámbito dos produtos alimenticios, o galego convértese nun valor para o empresariado da hostalaría, porque serve como identificativo que singulariza Galicia e atrae o cliente esixente, que busca a innovación e a calidade”.

No acto de apertura interviñeron tamén Javier Bas, alcalde de Redondela, e Enrique Lago Granada, presidente da Asociación de Empresarios.

Plan de dinamización no tecido económico

Os encontros co empresariado para presentarlle as vantaxes de utilizar o galego na súa actividade profesional son unha das medidas establecidas no Plan de dinamización do galego no tecido económico 2016-2020 da Xunta de Galicia. A xuntanza co empresariado redondelán da hospedaxe prodúcese nun momento especialmente importante para este sector dado o incremento na afluencia de peregrinos e turistas prevista nos vindeiros anos derivada da celebración do Xacobeo 21.

Con estas perspectivas positivas, e tras o relatorio de Valentín García, interviñeron Aser Álvarez, ex-director de comunicación da Asociación de Hostalería de Santiago, e director de Galeguesa; Ana Seco, técnica da consultora Supernova; e Xurxo Martínez González, técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela. O primeiro disertou sobre Experiencias empresariais en Compostela arredor da lingua galega e resultados; a segunda abordou a Presentación e explicación de diversos distintivos relacionados cos selos do Xacobeo, Turismo e Calidade e o terceiro presentou Propostas de material e proxectos sobre esta materia dirixidos á hospedaxe.

 

 

Arriba