17 xan 2020

Turismo de Galicia promociona a Comunidade galega con máis de 100 acción en 31 países e o destino duplica a cifra de turistas estranxeiros en só unha década

A Consellería de Cultura e Turismo presentou un informe co balance da actividade promocional que se realizou do destino galego durante o ano 2019

Participouse en 47 feiras e workshops, das cales un 70% leváronse a cabo no estranxeiro, en países de Europa, América, Asia e Oceanía
 
O Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 tiveron presenza destacada e o número de seguidores nas redes sociais medrou un 30%
 
A falta de contabilizar os datos de decembro, Galicia supera xa os 1,4 millóns de turistas estranxeiros e podería rematar o ano batendo récords en distintas variables
 

A actividade promocional da Xunta de Galicia segue dando os seus froitos. Así o reflicte o balance das accións de promoción do Goberno galego, un documento que hoxe analizou o Consello da Xunta e que constata que durante o ano pasado se realizaron máis de 100 accións de promoción en máis de 30 países. A acción neste eido por parte do Executivo autonómico conseguiu dar resultados tanto a medio como a longo prazo, tal e como se reflicte no balance do turismo estranxeiro da última década, un segmento de mercado que duplicou a súa presenza na Comunidade, pasando de máis de 700.000 turistas internacionais no 2009 aos 1,4 millóns que chegaron a Galicia ata o pasado mes de novembro. 

O informe tamén revela que estas accións están contribuíndo a consolidar e fidelizar os principais mercados emisores, en especial con Portugal, Alemaña, Francia, Italia ou Reino Unido, así como a ampliar e diversificar os mercados con máis potencial, en países asociados a recursos como o Camiño de Santiago, os que contribúen a reducir a estacionalidade e os que se vinculan a unha maior rendibilidade como Corea, China, Rusia ou mesmo Australia. O principal exemplo neste ámbito é o mercado americano, que fai só unha década achegaba uns 23.000 viaxeiros e que na actualidade se sitúa por enriba dos 115.000. 

De xeito paralelo, a Xunta tamén está a traballar para mellorar e consolidar o posicionamento de Galicia nos mercados nacionais con accións que capten o turismo de proximidade a través de produtos asociados ao turismo urbano, de natureza ou rural, entre outros. 

A actividade promocional en 2019 dá continuidade ao traballo emprendido nos últimos anos para reforzar a visibilidade dos recursos, produtos e empresas do sector turístico galego tanto nos mercados nacionais como internacionais poñendo en valor as particularidades das catro provincias, das principais cidades, dos xeodestinos galegos e, en definitiva, de todas as zonas do territorio galego. 

Accións promocionais nos principais países 

En 2019 a Xunta participou en máis de 100 accións promocionais en máis de 30 mercados destacando España, Países Baixos, Finlandia, Francia, Irlanda, Bélxica, Italia, Alemaña, Rusia, Portugal, China, Corea, Polonia, Reino Unido, Australia, Singapur, Japón, EEUU, Brasil, Suecia, Eslovenia, Kuwait, Austria, Xapón, Dinamarca, Arxentina, Filipinas, Luxemburgo, Mexico ou Suiza ou Canadá.

De todas estas accións destaca a participación en feiras e workshops. Foron un total de 47, das que o 70% foron de ámbito internacional. A Comunidade galega estivo presente nos principais certames turísticos do mundo, entre os que salientan a Feira Internacional do Turismo de Madrid, Fitur, a ITB de Berlín ou a World Travel Market de Londres e nestas dúas últimas reforzouse a relación co sector turístico galego e cos xeodestinos xa que se tivo unha presenza conxunta cun espazo singular en ambas.

Galicia tamén ampliou a rede de contactos profesionais en feiras especializadas en recursos e produtos desestacionalizadores. Destacaron as feiras relixiosas onde o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 tiveron gran protagonismo, pero tamén se participou en certames vinculados ao turismo náutico, como o Salón náutico de París; o turismo de natureza ou o ornitolóxico, con presenza nas principais feiras do sector. 

A promoción internacional reforzouse con presentacións do destino ante operadores turísticos de Rusia, Polonia, Países Baixos, Luxemburgo, Italia, Portugal e Australia; a participación en xornadas directas para profesionais do turismo en Kuwait ou a impartición de cursos de capacitación para operadores turísticos de Brasil. Tamén se participou en certames singulares como o HamptonCourt International Flower Show, no Reino Unido, cun xardín galego de camelia de inspiración indiano que obtivo a medalla de prata e se organizaron exposicións sobre o Camiño de Santiago en Nova York, Bruxelas, Portugal ou Polonia.

En colaboración coas Oficinas de Turismo de Turespaña a Xunta impulsou en 2019 un total de 27 viaxes a Galicia para ofrecer un mellor coñecemento dos diferentes recursos e produtos galegos que contou coa participación de máis de 120 participantes entre operadores turísticos, profesionais de axencias de viaxe e medios e publicacións especializadas. Para mellorar e consolidar o posicionamento de Galicia nos mercados nacionais participouse numerosas feiras en España e impulsáronse produtos de especial interese en eidos como o enoturismo, o turismo rural, entre outros.

Un maior peso do turismo internacional

Todas estas accións promocionais están a demostrar a súa efectividade e a contribuír á positiva evolución do turismo en Galicia. Así na última década o número de viaxeiros medrou en Galicia un 26%. 

No caso específico do turismo internacional, a evolución foi moito maior. Experimentou un crecemento do 96% na última década, pasando dos 714.000 viaxeiros internacionais que o Instituto Nacional de Estatística (INE) contabilizou en 2009 aos máis de 1,4 millóns de 2019. É dicir, que nunha década a cifra de turistas internacionais multiplicouse por dous, unha cifra que medrará posto que aínda quedan por contabilizarse os datos correspondentes ao mes de decembro do pasado ano. 

Tamén é maior o peso deste mercado. Hai dez anos o turismo estranxeiro supoñía apenas o 15% do turismo que chegaba a Galicia, a día de hoxe acada o 24%. Por mercados, Europa continúa a ser o principal emisor con países como Portugal, Alemaña, Francia e Italia, pero destaca o comportamento de Estados Unidos, que cada vez gana en número de viaxeiros.  

Reforzo da promoción online

A promoción de Galicia tamén se estendeu ás redes sociais, dando resposta ás novas necesidades dos viaxeiros. Creáronse máis de 3.000 publicacións de imaxes e contidos editoriais para promover a oferta turística galega e Camiño de Santiago nos perfís de Turismo de Galicia en Facebook, Twitter e Instagram, ademais de máis de 100 vídeos de contidos turísticos e Camiño de Santiago na canle de Youtube. O ano 2019 pechouse con máis de 300.000 seguidores nestes perfís, o que supón un crecemento dun 30% en relación ao ano anterior, e máis de 2 millóns de visualizacións dos vídeos. 

Ademais, a web de Turismo de Galicia obtivo máis de 2,2 millóns de visitantes, un incremento do 9,44% con respecto a 2018 e a de información e divulgación específica sobre o Camiño de Santiago recibiu preto de medio millón de visitantes, o que supuxo un incremento de máis do 56%. En ambos casos destacan visitas ás web desde España, Portugal, Italia, Francia, Alemaña, Estados Unidos, Brasil, Reino Unido ou Suiza.

 

 

Arriba