28 nov 2022

A Xunta reforza os seus vínculos con Xapón mediante accións para celebrar o 25 aniversario do irmandamento entre o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro co director da división de Asuntos Internacionais da Prefectura de Wakayama, Toshihiko Okazawa

O Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo son dúas das rutas de peregrinación máis importantes do mundo, protexidas pola Unesco co recoñecemento de Patrimonio Mundial
 
Nava Castro, cos representantes xaponeses.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o responsable da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campa, mantiveron un encontro co director da división de Asuntos Internacionais da Prefectura de Wakayama, Toshihiko Okazawa e a vicedirectora de Casa Galicia Japón, Taeko Hoshikawa.

Durante o encontro, Okazawa propuxo levar a cabo unha serie de accións conxuntas entre Galicia e a prefectura de Wakayama para a celebración do 25 aniversario do acordo entre a Xunta de Galicia e a prefectura de Wakayama para o irmandamento entre o Camiño de Santiago e Camiño de Kumano Kodo. Ademais, no 2024, este roteiro celebrará o 20 aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO.

O Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo son dúas das rutas de peregrinación máis importantes do mundo, protexidas pola Unesco co recoñecemento de Patrimonio Mundial. As rutas irmandáronse en 1998, dando comezo a unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre os país Nipón e Galicia.

Esta reunión forma parte do traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia para impulsar as relacións internacionais apoiando e reforzando os contactos con administracións e axentes estranxeiras para reforzar así a difusión da cultura xacobea no mundo.

 
Arriba