04 dec 2013

Galicia promociónase como destino de turismo náutico na 53 edición do Salón Náutico de París que se celebra esta fin de semana

Turismo de Galicia e Portos de Galicia promocionan as potencialidades náuticas do destino nesta feira a través dun stand de 48 metros cadrados que poderá visitarse entre os días 6 e 15 de decembro.


O Salón Náutico de París é un dos máis importantes certames náuticos de Europa e o primeiro día da feira abre exclusivamente para os medios de comunicación.


Esta acción enmárcase na estratexia de atracción de barcos en tránsito as portos galegos, que durante os tres meses de verán superaron os 5.000.

Stand de Galicia no Salón Náutico de París.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e de Portos de Galicia, expón as potencialidades da Comunidade galega para a práctica do turismo náutico na edición número 53 do prestixioso Salón Náutico de París. A capital francesa acolle este certame, un dos máis importantes certames náuticos do continente, entre os días 6 e 15 de decembro.

Ademais das infraestruturas, recursos e servizos asociados á práctica da náutica e ao aproveitamento turístico das zonas costeiras nas que se desenvolven as actividades vinculadas coa práctica da náutica, Galicia ofrece no seu stand de 48 metros cadrados información sobre a oferta turística xeral de Galicia, centrada na cultura, na gastronomía, na natureza ou no termalismo. De igual modo, o stand de Turismo de Galicia e Portos de Galicia no recinto feiral parisino ofrece información específica sobre a costa, os espazos naturais, a oferta complementaria á práctica dos deportes náuticos ou as singularidades da gastronomía litoral ou do turismo enolóxico que poden complementar a estadía en Galicia daqueles amantes da náutica.

No ámbito da náutica, Francia é un dos mercados prioritarios para a Comunidade galega, tanto pola súa proximidade como polo importante número de practicantes de deportes náuticos.

Neste eido, Galicia estase a consolidar como un dos territorios peninsulares máis atractivos para facer escala nas travesías atlánticas, especialmente para navegantes das rexións francesas de Bretaña, Normandía ou Aquitania. Ademais, neste evento, búscase atraer embarcacións francesas que desenvolvan a súa actividade durante varias xornadas nas costas galegas, así como amantes da náutica dispostos a alugar embarcacións e outros servizos en Galicia.


Turismo de Galicia participa habitualmente tamén no Festival Intercéltico de Lorient, onde o stand galego rexistra unha numerosa afluencia de persoas interesadas no destino. De igual xeito, Galicia participou tamén este ano na 31 edición da feira Les Thermalies, onde as potencialidades do destino Galicia no eido do termalismo se expoñen na feira termal máis importante do país galo.

Ademais, Turismo de Galicia realizou este verán unha acción promocional na capital de Francia, un mercado que supón para Galicia o segundo mercado internacional máis importante. Segundo a enquisa Frontur, máis de 151 mil viaxeiros procedentes de Francia visitaron Galicia en 2012. O 16,9% dos viaxeiros internacionais que recibe a comunidade proceden deste país.

Xa no eido exclusivamente cinguido á náutica, Turismo de Galicia e Portos de Galicia, coa colaboración de Clubes Náuticos, Concellos, Portos Deportivos e empresas de instalacións náuticas galegas participaron en setembro no Grand Pavois de La Rochelle. Este evento é unha referencia do panorama náutico internacional e conta con máis de 860 expositores de 35 países e que celebrou este ano a súa edición número 40.

Ambas as accións, a presenza no Salón Náutico de París e no de La Rochelle están orientadas a afondar na estratexia de captación de tránsitos, embarcacións transeúntes que recalan ocasionalmente nas costas galegas, que está a desenvolver Portos de Galicia. Os resultados relativos á pasada temporada de verán revelan o seu éxito, dado que durante os tres meses da temporada estival (xullo, agosto e setembro), acadáronse as 5.000 chegadas de tránsitos aos peiraos autonómicos, superando así a cifra do total do ano 2012 que se situara en algo máis de 4.000.

 

Arriba