04 mar 2013

TURISMO APOSTA POLA DIFUSIÓN DA RUTA DA CAMELIA, ÚNICA EN EUROPA

O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolleu un foro sobre este itinerario, organizado pola Deputación de Pontevedra, que foi clausurado pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Galicia é a comunidade con máis variedades de camelia despois de Xapón. A Ruta da Camelia, un dos dez produtos Cabeceira da Marca turística de Galicia, é única en Europa.

Clausura do foro da Ruta da camelia

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de pechar os relatorios do primeiro Foro da Ruta da Camelia que se celebra en Galicia e que tivo lugar a pasada fin de semana nas dependencias do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. O encontro contou coa presenza de Rafael Louzán Abal, Presidente da Deputación de Pontevedra, entidade organizadora do foro, así como dos vicepresidentes da Deputación pontevedresa e mais da Deputación da Coruña; José Manuel Figueroa e mais Mariel Padín, respectivamente.

Así mesmo, acudiron representantes da Sociedade Española da Camelia así como técnicos responsables das entidades municipais e provinciais, ademais dos rexedores dos concellos que teñen recursos vinculados á Ruta da Camelia, que ofreceron relatorios sobre os diferentes xardíns que integran o itinerario. O foro estivo moderado por Pedro Mansilla, doutor Enxeñeiro de Montes, xefe de servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Nava Castro Domínguez, a directora da Axencia de Turismo de Galicia clausurou este Primeiro Foro da Ruta da Camelia enmarcado na edición número 49 do Concurso-Exposición Internacional da Camelia. A mostra máis antiga de Galicia neste eido e que ano tras ano reúne a expertos internacionais arredor desta especie floral.

Segundo explicou Castro, “Galicia é a comunidade con máis variedade de camelia despois do Xapón. A Ruta da Camelia é única en Europa e Turismo de Galicia aposta pola súa posta en valor como produto turístico”. Existen unhas oitenta especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias e que tiveron a súa orixe na Asia Oriental. A directora da Axencia de Turismo de Galicia explicou que existen camelias en Portugal, na Bretaña francesa ou no Norte de Italia, pero ningún destes lugares mencionados ofrece ao visitante unha variedade de especies de flor de camelia, de coleccionistas, de exposicións e de produtores de planta de camelia que se pareza a Galicia.

Nava Castro incidiu en que en Galicia a árbore da Camelia atopou unhas excelentes condicións para o seu cultivo gracias aos solos ácidos, ben drenados, con certo grado de humidade ambiental e cunha temperatura idónea que fai innecesaria a utilización de invernadoiros.
Con estas características medrou nos xardíns galegos durante décadas. Proba irrefutable diso é un exemplar da camelia reticulata no Pazo de Oca que é considerada unha das prantas máis antigas desta especie en Europa.

A Finca da Saleta en Meis, o pazo Quinteiro da Cruz en Ribadumia, o Pazo de Rubiáns en Vilagarcía son exemplos de espazos na provincia de Pontevedra onde residen exemplares de diferentes especies coma a xapónica, reticulata, sinensis ou sasanqua entre outras.

Na provincia da Coruña, pazos coma o de Vista Alegre e Santa Cruz de Ribadulla en Vedra, o de Mariñán en Bergondo e a Casa-Museo de Rosalía de Castro atesouran xardíns onde as camelias reviven nos meses de inverno. Hoxe en día as camelias tamén forman parte de numerosos xardíns e fincas, tanto públicas como privadas, incluso a súa presenza se atopa nos centros das cidades.

Nava Castro comentou que a camelia converteuse na flor insignia de Galicia e para moitos é o eixe vertebrador da súa actividade, principalmente para aqueles que dedican o seu tempo e esforzo ao seu cultivo que logo se exalta en varias exposicións. “Dende Turismo de Galicia somos conscientes de que a camelia forma parte do patrimonio histórico e botánico da xeografía galega e para dar a coñecer este símbolo de identidade aos nosos visitantes e turistas quixemos incluír a Ruta da Camelia nos Dez Produtos Cabeceira da Marca Galicia”, explicou. A directora anunciou ademais que, continuando coa labor de promoción desta ruta, nesta Semana Santa o Pazo de Fonseca en Compostela acollerá unha exposición de camelias, organizada pola Axencia de Turismo de Galicia en colaboración coa Sociedad Española de la Camelia, o Concello de Santiago e mais a Universidade de Santiago de Compostela.

Cursos de especialización para guías


Para a posta en valor turística dos conxuntos botánicos galegos, dende Turismo de Galicia organizáronse en decembro e en febreiro cursos dirixidos á especialización de guías turísticos en materia dos conxuntos botánicos galegos. O obxectivo é conquerir que os guías especializados galegos poidan adquirir os coñecementos e destrezas oportunas para ofrecer información turística e e realizar visitas guiadas de calidade, dotadas de contido rigoroso e específico.

As principais especies arbóreas, os criterios para a súa catalogación, os exemplares máis notables; un glosario de termos sobre botánica e unha especial atención aos recursos relacionados coa camelia son algúns dos coñecementos que os guías especializados poderán ofrecer aos turistas e, con isto, conseguir a posta en valor como recurso deste agasallo que a natureza nos fixo aos galegos.

Arriba