10 feb 2014

Presentado o Plan integral que identifica as grandes fortalezas de Galicia para competir como destino único: riqueza natural, calidade das augas termais e da gastronomía, o símbolo do Camiño de Santiago e o patrimonio artístico e cultural

Os obxectivos do plan partindo dos rexistros de 2013: pasar dos 3,7 millóns de turistas a 4 millóns; de 900.000 turistas internacionais a 1 millón; dunha ocupación media hoteleira do 29,65% ao 33,54%; dunha estadía media de 2,13 noites a 2,5 noites; e dun gasto total dos turistas internacionais de 733 millóns de euros a 836 millóns.
Avanza unha liña orientada á consolidación do Camiño de Santiago como eixe vertebrador das novas alternativas de turismo e reclamo de Galicia nos mercados internacionais a través dun Plan Director, da diversificación da oferta e da introdución das novas tecnoloxías
Busca a consolidación dunha oferta baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos buscando a desestacionalización da demanda, a promoción de Galicia como destino sustentable, o fomento das novas tecnoloxías e da innovación e a presentación como destino único a partir dun modelo á demanda.
O plan incide na procura da eficiencia ao fomentar a colaboración público-privada e entre administracións, coa rede de técnicos de municipios turísticos ou coa promoción de plataformas de xestión unificadas.

Camiño de Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou o plan integral que identifica as grandes fortalezas da Comunidade para competir como destino único: a súa riqueza natural e paisaxística, a calidade das augas termais e a gastronomía, o gran símbolo histórico que representa o Camiño de Santiago no mundo; e un patrimonio artístico e cultural que conta con catro declaracións de Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Durante a presentación co sector do Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016, mostrouse convencido de que “Galicia é en si mesma a mellor baza para afrontar o desafío que supón facer do turismo un motor da incipiente recuperación económica”, e subliñou que o plan é “a estratexia para xogar con intelixencia esas cartas que nos diferencian como destino”.

Na súa intervención, o titular do Goberno galego lembrou que o turismo achega xa máis do 10% do PIB autonómico e acapara máis do 11% dos postos de traballo da Comunidade, pero sinalou que se trata dun eido con apreciables posibilidades de desenvolvemento por diante. A ese respecto, sinalou que o turismo pode contribuír á bonanza doutros sectores da economía, a proxectar a imaxe do país no exterior e a avanzar no reequilibrio territorial de Galicia.

O responsable do Goberno galego indicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia contén “todos os elementos que require unha estratexia global coma esta”, empezando pola implicación no seu deseño dos axentes con intereses no sector, e de maneira destacada, do clúster de Turismo de Galicia. Xunto con isto, puxo en valor que a estratexia ten un capítulo económico no que a Axencia Turismo de Galicia achegará polo menos 136 millóns de euros ata 2016. “Estamos a falar dun investimento de máis de 136 millóns de euros nesta lexislatura ao servizo do obxectivo de que Galicia acade o liderado turístico como un destino único e competitivo, de atractivo internacional e capaz de captar cada vez a máis estranxeiros”, manifestou.

Para o titular do Executivo autonómico, máis importante aínda que a capacidade económica é o emprego eficiente dos medios, polo que defendeu que o plan se conciba como unha folla de ruta que “planifica e coordina a maioría das políticas relacionadas co turismo ata 2016”. Sinalou, así, que se realizou un minucioso traballo de diagnóstico que identificou as grandes fortalezas e debilidades do sector

Os catro grandes retos do turismo galego
No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que o Plan Integral de Turismo de Galicia fixa catro grandes retos para o turismo galego, e que son: posicionar a marca diferencial, é dicir, “definir Galicia como un destino diferenciado a nivel interno, nacional e internacional”; consolidar a Comunidade “como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizada”; facer do noso “un referente do turismo sustentable a nivel europeo”; e reforzar o sector para facelo “máis innovador e máis competitivo, cada vez máis importante no mercado internacional”.

Concretou que estes obxectivos teñen unha tradución en cifras, que, “desde unha perspectiva tan realista como ambiciosa”, cuantifican as melloras que se aspiran acadar co plan. Tomando como referencia os valores rexistrados en 2013, o titular da Xunta destacou que o plan pretende pasar dos 3,7 millóns de turistas aloxados en establecementos a 4 millóns; pasar dos 900.000 turistas internacionais rexistrados a 1 millón; pasar dunha ocupación media hoteleira do 29,65 % ao 33,54 %; pasar dunha estadía media de 2,13 noites a 2,5 noites; e pasar dun gasto total dos turistas internacionais de 733 millóns de euros a 836 millóns de euros.

O presidente da Xunta informou de que para conseguir estes obxectivos o plan recolle seis liñas de actuación estratéxicas que dan razón de ser a programas e iniciativas concretas. En primeiro lugar, referiuse á que ten por obxecto facer do Camiño de Santiago un “eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e reclamo de Galicia nos mercados internacionais”, e avanzou a elaboración dun Plan Director do Camiño, que introduza melloras en todas as rutas. Ademais, fomentarase a súa incorporación ás novas tecnoloxías, a través de programas como o ‘Smart Camiño’, reforzarase a súa promoción nos mercados internacionais como modelo de turismo sustentable, aumentarase a rendibilidade do itinerario, diversificando produtos e aumentando a oferta complementaria, e buscaranse novas canles de captación de turistas estranxeiros.

Como segunda liña, Feijóo adiantou que se orienta a consolidar a oferta baseada “no patrimonio e nos recursos endóxenos que nos diferencian”, buscando así captar novos públicos e a desestacionalización da demanda. Enmarcou aquí medidas como a consolidación do turismo termal co plan presentado recentemente, así como o programa para relanzar ‘Galicia Calidade’ como etiqueta que distinguirá “o ben feito en Galicia como sinónimo contrastado de bo produto, de boa calidade e bo facer”.

O Plan de Turismo incide, ademais, na presentación de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sustentable, ao desenvolver produtos especializados para segmentos de público, ao reducir a pegada ecolóxica do turismo ou ao poñer en marcha o programa ‘Galicia, turismo accesible”.

En cuarto lugar, o mandatario autonómico referiuse ao fomento do talento e das novas tecnoloxías para competir como “un sector turístico competitivo e un destino intelixente”, con programas como a plataforma ‘Smart turismo’ ou os ‘Smart destinos’

Procurarase, tamén, promover e comercializar Galicia como destino único baseado nun modelo á demanda, para o que Feijóo avanzou a promoción unificada da marca Galicia a través de prescriptores e o fortalecemento dos procesos de prescrición a todos os niveis.

Finalmente, o presidente da Xunta salientou que a sexta liña de traballo se centrará no fomento do consenso e da cooperación entre o sector público e privado para que as capacidades turísticas de Galicia se desenvolvan “nun marco eficiente”. Para iso, avanzou medidas como a creación da rede de técnicos de municipios turísticos, a posta en marcha ou fusión de entidades xestoras e a facilitación de canles para a comunicación e a cooperación tanto público-privada como entre administracións.

Arriba