10 xuñ 2013

Máis de 6.200 persoas descargaron nunha semana a nova aplicación para móbiles de Turismo de Galicia que contén información sobre sendeiros

A nova ferramenta pode descargarse de modo gratuíto e que permite obter información sobre as sendas homologadas de Galicia, facilita a busca de información e características técnicas dos roteiros, sinalización e sistema MIDE.

 
Actualizase de xeito constante e permite descarga previa dos percorridos.

Máis de 6.200 usuarios de smartphone descargaron entre os días 3 e 10 de xuño a nova aplicación para teléfonos intelixentes deseñada por Turismo de Galicia que permite obter información precisa para percorrer os sendeiros homologados de Galicia.

 

Con esta nova ferramenta Turismo de Galicia ten por obxectivo poñer en valor a práctica do sendeirismo dadas as inmellorables condicións do destino para camiñar en contacto coa natureza. Trátase dun tipo de turismo sostible e que favorece a desestacionalización.

 

A aplicación, que se chama SENDEGAL pódese buscar nas bibliotecas ou app stores tecleando as palabras SENDERISMO GALICIA. A información proporciónase en galego, en castelán e en inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación. Contén información sobre os roteiros homologados en Galicia, ademais dunha serie de consellos que facilitarán a experiencia ao camiñante como información sobre sinalización, sobre o significado das balizas e das frechas ou sobre as clasificacións de sendeiros, de gran percorrido, de pequeno percorrido, variantes e derivacións.

No apartado de Ver Roteiros de Galicia, ofrecese información sobre aquelas rutas ou sendeiros que son homologados pola Federación Galega de Montañismo, dado que cumpren requisitos técnicos e pasan un control periódico e inspeccións. Nas revisións e reedicións contrástase a información cos sendeiros homologados. Estas rutas poden buscarse por nome concreto ou visualizalas nun mapa.

 

Os diferentes roteiros permiten obter información sobre a Ruta, onde se encadra, como chegar a ela, o percorrido ou a información MIDE, sobre o risco, dificultade, desprazamento ou esforzo. Así como fotografías e a posibilidade de descargar a ruta no dispositivo móbil. Unha vantaxe innovadora desta APP é que se o usuario queda sen cobertura, pode visualizarse a información off line, previa descarga do contido antes da saída. De modo que sempre se terá acceso á cartografía base no caso de que o usuario detecte algún fallo no dispositivo móbil.

Ademais poden escollerse diferentes tipos de Cartografía segundo as preferencias ou hábitos do usuario: OpenStreetMap; Mapa Híbrido; Mapa Satélite e Mapa de Carreteras.

 

Inclúe visualización previa de fotografías da ruta escollida, así como información puntual sobre se o percorrido se pode facer dacabalo ou se é ciclable. No apartado de Consellos sobre Sendeirismo, atópase información sobre sinalización e sendas de pequeno e longo percorrido e sistema MIDE.

 

A actualización da información prodúcese en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia. Pódese obter información detallada sobre as aplicacións dispoñibles na parte de DESCARGAS E UTILIDADES da web (www.turgalicia.es).

 

Arriba