17 xuñ 2013

Turismo de Galicia presenta a nova campaña promocional do destino baixo o claim “Galicia, o bo camiño”

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro explicou que o obxectivo da campaña é transmitir a mensaxe de que Galicia é o destino idóneo para o descanso, o relax e o estilo de vida saudable, ao tempo que permite o contacto coa natureza e as experiencias únicas.

 

A campaña está planificada en dúas fases, unha etapa de verán, que se estenderá dende o 16 de xuño ata finais do mes de xullo e que contará, aproveitando a proximidade xeográfica, cunha campaña en televisión dirixida ao mercado portugués para captar ao viaxeiro na tempada estival. E unha fase de Outono-Inverno, que abranguerá dende finais de setembro a comezos de decembro.

 

Está previsto que a campaña a nivel nacional chegue a 35,4 millóns de persoas. A nivel rexional a cobertura da campaña alcanzará a 2,2 millóns de persoas.

Presentación da campaña de Turismo de Galicia 2013.

Turismo de Galicia presentou a campaña promocional que posicionará Galicia como destino nos principais mercados emisores de turistas. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o primeiro paso á hora de crear a imaxe promocional e as mensaxes que posicionarán Galicia foi discernir cales son os atributos máis valorados e as fortalezas do destino segundo o turista que nos visita, analizando as motivacións que están detrás da elección do destino. Deste xeito, resaltáronse na campaña atributos como o descanso, a boa mesa, a diversión, o contacto coa natureza, os prezos asequibles ou a aventura, vinculados coa riqueza natural, cultural ou gastronómica para concluír que a “boa vida” que busca o turista encaixa coa forma de vivir en Galicia.

 

Ademais, incorporouse a marca Camiño ao claim dado que se trata da “marca con maior proxección internacional de Galicia”. Segundo explicou Nava Castro, o Camiño de Santiago é unha marca “que temos que aproveitar” e o feito de que constitúa “unha icona potente coa que representar a vía, a mellor maneira de alcanzar a boa vida, levou á construción do claim Galicia, o bo camiño”. O claim da Campaña fai referencia ao Camiño como elemento de notoriedade internacional pero ao tempo identifica ao destino como idóneo para o descanso, o relax, o estilo de vida saudable.

 

Do mesmo xeito, a campaña xoga cunha idea creativa baseada no feito de que Galicia é tamén o mellor destino que calquera poida recomendar. A idea creativa baséase na frase “Si te quieren, te recomendarán Galicia” e mais na frase “Se os queres, recoméndalles Galicia”. Deste xeito, a campaña traballa a marca turística nun dobre sentido: cara a dentro, porque os galegos recoñeceranse e recoñecerán Galicia na campaña; e cara a fóra, porque aporta motivos ao target para vir a Galicia.

 

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, as imaxes que compoñen a campaña baséanse no que pode sentir o visitante a través do que ve, o que o visitante ve é o que sente: o destino experiencial. As imaxes do vídeo promocional caracterízanse polo seu realismo, por representar situacións probables e cribles. Inclúe situacións que calquera persoa podería vivir se é turista ou viaxeiro en Galicia. E caracterízase pola súa luminosidade e optimismo, por mostrar a presenza da luz en Galicia.

 

Nava Castro comentou que a campaña “reflicte experiencias, conecta con diferentes targets, ten tono optimista, alegre, enérxico e realista”.

 
Planificación de medios


A campaña está planificada en dúas fases con diferentes ámbitos de interese e presión publicitaria. Por un lado, unha fase de verán, que se estenderá dende o 16 de xuño ata finais do mes de xullo e que contará, aproveitando a proximidade xeográfica, cunha campaña en televisión dirixida ao mercado portugués para captar ao viaxeiro na tempada estival. E doutra parte, cunha fase de outono-inverno, que abranguerá dende finais de setembro a comezos de decembro.

 

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, nunha primeira etapa a presión publicitaria concentrarase no nivel nacional co obxectivo de atraer ao turista nacional e na segunda fase, a presión publicitaria concentrarase en Galicia e estará orientada a reforzar o turismo rexional de cara aos festivos e ás pontes.

 

“Os medios, soportes e formatos de campaña teñen sido seleccionados para conseguir unha ampla cobertura e unha elevada notoriedade, de modo que a campaña sexa asimilada e recordada polo público obxectivo”, explicou Nava Castro.

 

Tomando como base os datos do Estudio General de Medios (EGM) do primeiro acumulado móbil de 2013, está previsto que a campaña consiga a nivel nacional un 90% de cobertura cunha media de 13 impactos en cada un dos individuos do público obxectivo. A nivel rexional a cobertura da campaña alcanzará o 93% e rexistrará 84 impactos en cada un dos individuos do público obxectivo. A campaña de televisión en Portugal acadará unha cobertura do 70% cunha media de 5 impactos en cada un dos individuos do público obxectivo.

 

En Galicia o investimento por medios será de 55% en prensa; 12% en radio, 12% en internet e 21% en televisión. A nivel nacional o investimento será do 43% en televisión, do 21% en prensa, do 18% en internet, do 15% en radio e do 3% en exterior. En Portugal o 100% do investimento será en televisión.

 

Está previsto que a campaña rexional chegue a 2,2 millóns de persoas e que a campaña nacional chegue a 35,4 millóns.

 
Pode visualizarse online na web galicia.es

Arriba