05 nov 2013

Turismo de Galicia e o Concello de Santiago asinan un convenio para a adecuación da Ruta Xacobea no termo municipal

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández rubricaron o acordo que implica a achega por parte de Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de 50.000 euros para acometer traballos de mantemento e reparación de diferentes treitos do Camiño á súa chegada e paso pola cidade.
No que vai de ano, máis de 210 mil peregrinos percorreron algunha das Rutas Xacobeas, isto implica unha suba do 12% con respecto dos rexistrados no mesmo período de 2012. O Camiño Francés aglutina máis do 70% dos camiñantes, e rutas como a Portuguesa ou o Camiño Inglés experimentaron subas importantes na cifra de peregrinos que as percorreron este ano.

Nava Castro e o alcalde de Santiago, Ángel Currás.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, rubricaron onte en Compostela un convenio de colaboración en virtude do cal Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, se compromete a achegar 50.000 euros para financiar os traballos de adecuación do Camiño no termo municipal.

Deste xeito, o Concello obrígase a adoptar todas as medidas oportunas que eviten o deterioro do Camiño respectando as medidas que lle sexan indicadas tanto desde Turismo de Galicia a través do Xacobeo, como desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

-Actuacións no Camiño Francés de reparación do treito de pista asfaltada entre a autovía A-54 de acceso a Santiago e o Camiño Francés ao seu paso pola cabeceira norte do aeroporto.
-Sinalización na Praza da Concordia, xunto á Porta Itinere, co nome da cidade de acceso ao núcleo.
-Obras de bacheado desde Lavacolla a San Marcos, tanto na zona de asfalto como na senda paralela.
-Reparación da pasarela de madeira por onde transitan os peregrinos que acompaña a estrada nacional 547 á súa entrada en Santiago.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o obxectivo fundamental destas obras, ademais de velar polo bo estado dos Camiños a Santiago e polo seu mantemento e conservación, é evitar riscos aos peregrinos.

Nava Castro incidiu en que “o Camiño de Santiago é hoxe un espazo de memoria colectiva e como tal temos que mantelo e conservalo”. Engadiu que é tarefa da Administración Turística de Galicia manter, conservar, difundir e promover os Camiños de Santiago.

Segundo matizou, o traballo de posta en valor do Camiño de Santiago como elemento fundamental do noso valor como destino turístico “está a dar os seus froitos e cada vez son máis os estudosos que investigan sobre a ruta e tamén os turistas e peregrinos que deciden percorrela, ben a pé, ben gozando dos monumentos, da gastronomía asociada ao Camiño ou do turismo rural en Galicia a través da combinación coa Ruta Xacobea no programa Bono Iacobus deseñado por Turismo de Galicia”.

Máis de 210 mil peregrinos este ano
No que vai de ano, máis de 210 mil peregrinos percorreron as Rutas Xacobeas e recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da Rúa do Vilar. Isto implica que xa se superou a cifra de peregrinos recibida en todo o ano pasado e de media rexístrase un 12% máis de peregrinos que no mesmo período de 2012. O Camiño Francés concentra a máis do 70% dos peregrinos e, en comparación co mesmo período do ano pasado, xa percorreron o Camiño Francés máis de 16 mil peregrinos máis.

Outras rutas que experimentaron un notable crecemento foron, por exemplo, o Camiño Portugués, que medrou un 16% en cifra de peregrinos; ou o Camiño Inglés, que medrou un 23,7% en cifra de camiñantes que recolleron o certificado da peregrinación no que vai de ano.

Arriba