Nava Castro destaca o potencial do turismo enogastronómico para a posta en valor dos recursos vitivinícolas galegos para e para internacionalizar os viños de Galicia con denominación de orixe
A directora de Turismo de Galicia resalta as múltiples iniciativas que se levan a cabo dende Turismo de Galicia para promocionar o enoturismo como os Trens Turísticos das Rutas dos Viños, as Xornadas de Portas Abertas, a aplicación Enoturismo Galicia ou a difusión do produto ‘Paseando entre viñedos’.
Destaca, tamén, as medidas incluídas no Plan Integral de Turismo en relación á promoción das Rutas dos Viños de Galicia, á incorporación destas á Rede Española de Turismo Industrial ou á formación de produtores en materia de turismo industrial.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, compareceu na comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo onde explicou as iniciativas levadas a cabo dende o seu departamento, no marco do Plan Integral de Turismo de Galicia, en relación coa posta en valor dos recursos vitivinícolas da comunidade dende o punto de vista turístico.
A directora de Turismo de Galicia incidiu no feito de que a cultura do viño e o turismo están intimamente ligados na comunidade galega de modo que o feito de dar a coñecer os territorios vitivinícolas e os viños con Denominación de Orixe resulta un potente atractivo turístico con gran capacidade desestacionalizadora e que singulariza aos territorios.
Nava Castro incidiu no feito de que dende Turismo de Galicia se está a apostar polo desenvolvemento de programas que dean a coñecer aos visitantes o produto enogastronómico, como as Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia; a posta en marcha e difusión do Viñobús en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia; o apoio e difusión das festas de Interese Turístico de Galicia que exaltan produtos enogastronómicos; a aposta pola calidade a través das axudas para a certificación de adegas coa marca Q de Calidade Turística -segmento no que Galicia é líder do Estado en distintivos de turismo industrial co 55% das empresas certificadas-; ou a difusión e promoción do produto ‘Paseando entre viñedos’ que pon en valor o patrimonio asociado á produción enolóxica de Galicia.
Incorporación das Rutas do Viño á Rede Española de Turismo Industrial
Ao tempo, a directora de Turismo recalcou que o fortalecemento e dinamización de adegas e viticultores das Rutas do Viño de Galicia é unha das accións integradas na segunda liña estratéxica referida á oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos procurando a desestacionalizacón e os novos públicos. Así, as accións integradas nesta liña refírense á incorporación das Rutas do Viño de Galicia á Rede Española de Turismo Industrial, así como á organización de eventos de dinamización dos viños con D.O.; ou á formación dos produtores en materia de turismo industrial de modo que o sector turístico se converta nun negocio diversificador do vitivinícola.
Ademais, entre as accións novidosas que se van a poñer en marcha, Nava Castro destacou os Trens Turísticos de Galicia, que transcorrerán polos territorios vitivinícolas nos que se producen os viños das cinco denominacións de orixe galegas.