A directora de Turismo de Galicia foi nomeada dama de honra da Orde Serenísima da Alquitara na XLIV Festa da Augardente de Portomarín
Nava Castro realizou o xuramento como dama de honra na Festa da Augardente que se celebra anualmente o Domingo de Pascua e que pon en valor o patrimonio material e inmaterial desta vila xacobea.
No mesmo acto, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, leu o pregón e foi nomeado nomeado Cabaleiro da Orde da Alquitara.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, foi nomeada esta tarde Dama de Honra da Orde Serenísima da Alquitara con motivo da celebración da XLIV edición da Festa da Augardente de Portomarín, que se celebra anualmente o Domingo de Pascua. Neste mesmo acto, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, leu o pregón e foi nomeado nomeado Cabaleiro da Orde da Alquitara.
A directora de Turismo de Galicia exaltou no seu xuramento como Dama de Honra as virtudes da augardente producida nas ribeiras do Miño, ao tempo que prometeu “protexer e coidar a súa pureza e orixe” para que a tradición da súa elaboración se manteña viva a través dos séculos.
A celebración constitúe unha homenaxe aos augardenteiros que durante décadas destilaron de modo tradicional este licor, que xa se elaboraba no antigo asentamento do pobo. Con motivo desta celebración realízanse actividades como un concurso-degustación no que se premian as augardentes de mellor calidade.
Actuacións de grupos de gaitas e orquestras, así como exposicións de produtos artesanais, de artes de pesca de anguía e mais de traballos realizados pola Asociación de Mulleres Rurais ‘O Xaramago’, xunto cunha queimada popular e degustacións de filloas flambeadas con augardente e de empanada de anguía completan o programa de actos desta xornada de exaltación enogastronómica.
Promoción das festas de exaltación de produtos enogastronómicos
O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe entre as accións da liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos unha acción centrada no programa para o desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico.
En base a esta acción, Turismo de Galicia traballa na promoción das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización de produtos sostibles e de calidade, conectados coa oferta de turismo industrial.