25 abr 2014

A acrópole de Monterrei seguirá sendo pública, visitable e manterá os usos culturais

As obras e o proxecto foron ratificados e aprobados polo Comité Asesor do Camiño de Santiago e procuran o máximo respecto á súa condición de BIC e á súa condición de visitable.

A Acrópole está a ser rehabilitada conforme ao proxecto aprobado que garante a súa pervivencia e conservación ao tempo que se revitaliza con usos culturais e turísticos.

Coa finalización destas obras, a acrópole de Monterrei será o epicentro turístico da zona e contribuirá a dar a coñecer os numerosos recursos que ofrece a contorna coma o Camiño de Santiago, as augas termais e mineromedicinais, a enoloxía e os recursos etnográficos e culturais.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou no Parlamento Galego que o obxectivo prioritario da rehabilitación da acrópole de Monterrei é pór en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia, a través da súa revitalización con usos culturais e turísticos e garantindo o seu uso público.

Durante a súa intervención na Comisión de Educación e Cultura, Nava Castro sinalou que as obras que actualmente se están a desenvolver seguen estritamente o proxecto para a Rehabilitación e adecuación da Fortaleza de Monterrei, primeira fase, aprobado e avalado polo Comité Asesor do Camiño de Santiago, e que procuran o máximo respecto á súa natureza de BIC e á súa condición de visitable.

En resposta a preguntas dos parlamentarios sobre o seguimento da obra, Nava Castro afirmou que, ademais das inspección pertinentes, o día 23 de abril a comisión de técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural visitou as obras para comprobar o seu estado. Ademais lembrou que o Concello de Monterrei constituíu unha Comisión Municipal, integrada pola arquitecta técnica e o enxeñeiro técnico municipal xunto con un representante político de cada partido do goberno municipal que inspeccionaron as obras por última vez o 9 de abril deste mesmo ano.

A directora de Turismo insistiu en que “tanto o procedemento como as propias obras que se están a realizar dan cumprimento aos requisitos exixidos na lexislación vixente e están baixo a supervisión de Patrimonio que realiza as inspeccións necesarias”.

Compromiso cunha das riquezas culturais máis importantes de Galicia
Nava Castro destacou que desde a Xunta de Galicia se está a desenvolver un proxecto de rehabilitación para conservar a gran riqueza dun dos bens culturais máis importantes de Galicia.

O castelo de Monterrei destinarase a usos culturais, que se manteñen como obxectivo prioritario para revitalizar o conxunto e acollerá, nunha parte da Fortaleza, usos turísticos, sen que deixe de ser público, a través da súa explotación pola sociedade anónima de capital público, Paradores. De modo que, á conservación e rehabilitación dos inmobles, engadirase a posta en valor dos mesmos a través da situación neles dun establecemento de referencia internacional que contribuirá á dinamización económica e social do entorno.

A nova situación do Parador no Castelo permitirá que Verín-Monterrei conte por primeira vez cun establecemento de 4 estrelas e que recupere un Parador aberto todos os días do ano. De modo que ademais, segundo destacou, se abre a posibilidade de que a ubicación do actual Parador sexa explotada por outro operador, o que implicaría un incremento e diversificación da oferta hoteleira da zona.

Rendibilidade, riqueza e emprego na comarca
Segundo destacou a directora de Turismo, “a colaboración entre Paradores e a Xunta de Galicia para a fortaleza de Monterrei garante rendibilidade, riqueza e emprego na comarca”. Deste xeito, os recursos investidos xerarán maior rendibilidade ao poñer en valor a inversión mantendo o uso de BIC; e tamén xerarán riqueza turística cunha mellora cuantitativa e cualitativa da oferta que permitirá captar máis visitantes e novos segmentos de público.

A directora de Turismo lembrou, tamén, que todas as persoas que traballan no actual Parador teñen garantido o seu posto de traballo e a súa estabilidade e que tamén existe a posibilidade de que se incremente a oferta laboral na zona se se concreta a explotación do actual Parador por algún operador privado.

Segundo matizou a directora de Turismo, a recuperación de edificios históricos mediante a asignación de novos usos distintos aos orixinais é unha práctica cada vez máis frecuente en España para a xestión do noso Patrimonio Cultural. Así, explicou que a propia experiencia de aloxarse nun conxunto histórico constitúe en si mesma un reclamo como o amosan os máis de 16 castelos que albergan Paradores Nacionais en España, así como numerosas experiencias internacionais en países como Francia, Irlanda ou Escocia.

Ao tempo, apuntou experiencias similares en Galicia de monumentos reconvertidos en aloxamentos integrados na Rede de Paradores. O Hostal dos Reis Católicos ou o Parador de Santo Estevo son algúns exemplos de monumentos declarados BIC que integran establecementos de aloxamento en espazos únicos. “A través deste modelo dótase de maior utilidade aos edificios históricos e presérvase a súa continuidade no tempo, sen que o deterioro sexa continuo por falla de uso dalgúns espazos”, recalcou.

Arriba