30 abr 2014

O Xacobeo e mais o Bispado de Lugo acordaron a renovación do convenio para a apertura das igrexas do Camiño de Santiago

A acción enmárcase no plan de mellora de atención ao peregrino, desenvolvido por Turismo de Galicia e que ten por obxectivo mellorar a atención aos usuarios turísticos e aos peregrinos no Camiño de Santiago.


O acordo entre a Diocese de Lugo e Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, permitirá abrir as igrexas fóra das horas de culto entre o 15 de maio e o 15 de setembro cun calendario horario que permitirá mellorar a atención e o servizo de información aos peregrinos e visitantes.

Tras unha reunión mantida no palacio episcopal de Lugo entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; o vicario xeral; Mario Vázquez Carballo, e mais o delegado episcopal de Santuarios e Peregrinacións, Xosé Criado, acordouse a renovación do acordo entre a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e o Bispado de Lugo para a apertura das Igrexas do Camiño de Santiago na diocese.

De modo que un total de 15 igrexas situadas no Camiño de Santiago contarán entre o 15 de maio e o 15 de setembro con persoal encargado de abrir os templos nun horario prefixado para que os turistas, visitantes e peregrinos poidan acceder a eles ao tempo que reciben información concreta sobre o valor patrimonial da igrexa.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo presta así a súa colaboración para impulsar este servizo de apertura e de información sobre os recursos patrimoniais da Ruta Xacobea, de modo que se poida dar cobertura á demanda de información nas diferentes igrexas do Camiño e facilitar o acceso ás mesmas aos visitantes fóra dos momentos de culto. Nas igrexas dispoñerase de persoal con coñecementos concretos sobre o templo co obxecto de proporcionar información precisa sobre o mesmo aos visitantes.

Plan de mellora de atención ao peregrino
Esta acción enmárcase no plan de mellora de atención ao peregrino, desenvolvido por Turismo de Galicia e que ten por obxectivo mellorar a atención aos usuarios turísticos e aos peregrinos do Camiño de Santiago. Nestas actuacións enmárcase tamén o acordo existente cos municipios galegos do Camiño Francés para a mellora da atención e información continuada e específica aos peregrinos a través da contratación de persoal especializado nas oficinas de turismo durante os meses de verán.

Así mesmo, Turismo de Galicia realizou tamén a proposta de implicar á sociedade neste obxectivo a través do incentivo do voluntariado nas asociacións de maiores, nas escolas e centros de formación relacionadas co ámbito turístico, histórico e artístico, de modo que voluntariamente poidan colaborar para mellorar a información e a atención aos peregrinos e usuarios turísticos, o que permitiría incrementar os períodos de apertura e de prestación do servizo.

Arriba