30 xuñ 2014

O turismo internacional acada en maio máximos históricos en Galicia co 38,6% dos viaxeiros aloxados nos establecementos regrados e co 32,7% das pernoitas rexistradas

A cifra de viaxeiros aloxados en establecementos extrahoteleiros galegos medrou en maio un 33,1% e a cifra de pernoitas subiu un 21,6% a respecto de maio do ano pasado.


No conxunto da oferta regrada, Galicia rexistrou en maio un 14,4% máis de viaxeiros e un 9,9% máis de pernoitas e as pernoitas de turistas internacionais medraron este mes un 25,5% a respecto de maio de 2013.


Nos cinco primeiros meses do ano, os aloxamentos regrados de Galicia rexistraron unha suba do 5,9% na cifra de viaxeiros e do 3,3% na de pernoitas rexistradas nos establecementos hoteleiros e extrahoteleiros.

A media supera en medio punto á rexistrada no conxunto do Estado en relación aos viaxeiros. Rexistráronse 1,1 millóns de viaxeiros e 2,1 millóns de pernoitas.

Galicia acada no que vai de ano o máximo histórico de viaxeiros internacionais, con algo máis de 275 mil e co 24,7% dos viaxeiros e o 21,7% das pernoitas en regrado.

O Instituto Nacional de Estatística publicou hoxe os datos relativos á ocupación en establecementos extrahoteleiros de Galicia e no conxunto da oferta regrada, no mes de maio e no acumulado dos cinco primeiros meses de 2014. O turismo internacional acada en maio en Galicia máximos históricos, tanto en volume con preto de 143 mil viaxeiros e 214 mil pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, co 32,7% das pernoitas e o 38,6% dos viaxeiros aloxados.

Galicia rexistrou en maio un incremento do 33,1% na cifra de viaxeiros aloxados en establecementos extrahoteleiros da comunidade e un aumento na cifra de pernoitas rexistradas neste tipo de establecementos do 21,6%.

No conxunto da oferta regrada, a cifra de viaxeiros en maio situouse nos 370 mil, un 14,4% máis que en maio do ano pasado e a cifra de pernoitas subiu un 9,9%. Este volume de viaxeiros aloxados en maio en regrado supón o máximo histórico nun ano non Santo.

Esta suba de viaxeiros e de pernoitas en Galicia no conxunto dos establecementos regrados supera á rexistrada no conxunto do Estado, onde tamén medraron os viaxeiros un 5,4% e as pernoitas un 1,9%.

No conxunto da oferta regrada en Galicia, o turismo nacional subiu en maio a respecto de maio de 2013 un 3,6% e o internacional, un 25,5%, no tocante ás pernoitas rexistradas.

O turismo nacional sube un 2,4% nos aloxamentos hoteleiros e nos extrahoteleiros o incremento sitúase no 19,7%. No tocante ao turismo internacional, sube no segmento hoteleiro nun 25,4% e no extrahoteleiro, nun 27%.

Datos do segmento extrahoteleiro en maio en Galicia
Na oferta extrahoteleira rexístranse incrementos do 10,2% na cifra de viaxeiros aloxados apartamentos turísticos; do 27,5% na cifra de viaxeiros a aloxados en cámpings e do 45,6% na cifra de viaxeiros aloxados en establecementos de turismo rural. A cifra de pernoitas subiu un 7,3% nos apartamentos turísticos; un 18,5% nos cámpings e un 34,3% nas casas de turismo rural neste mes de maio a respecto de maio do ano pasado.

Incremento do 5,9% nos viaxeiros e do 3,3% nas pernoitas rexistradas no conxunto da oferta regrada entre xaneiro e maio
Nos cinco primeiros meses do ano os aloxamentos regrados de Galicia rexistraron unha suba do 5,9% na cifra de viaxeiros e do 3,3% na de pernoitas rexistradas nos establecementos hoteleiros e extrahoteleiros. Rexistráronse 1,1 millóns de viaxeiros e 2,1 millóns de pernoitas.

A media supera en medio punto á rexistrada no conxunto do Estado en relación aos viaxeiros. Entre xaneiro e maio deste ano subiu o turismo nacional nun 2,4% e o internacional, un 6,7%. Esta mellora supón que Galicia acade no que vai de ano o máximo histórico de viaxeiros internacionais, con algo máis de 275 mil e co 24,7% dos viaxeiros e o 21,7% das pernoitas en regrado.

No tocante aos datos de extrahoteleiro, no que vai de ano medrou a cifra de viaxeiros aloxados en apartamentos turísticos un 4,4% e a de pernoitas un 11,1%. A cifra de viaxeiros aloxados en cámpings medrou un 49,1% a respecto dos cinco primeiros meses de 2013 e a de pernoitas, un 31,2%. A cifra de viaxeiros aloxados en casas de turismo rural medrou un 25,6% e a de pernoitas subiu un 29,8%.

Así, no conxunto da oferta extrahoteleira, os viaxeiros subiron entre xaneiro e maio un 22,4% e as pernoitas un 22,8%. No conxunto da oferta hoteleira a suba foi do 5% en viaxeiros e do 2,2% en pernoitas.

Incremento do 9,37% na cifra de peregrinos no primeiro semestre
Entre o día 1 de xaneiro e o día 30 de xuño deste ano recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino un total de 81.685 peregrinos, dos que o 61,42% foron estranxeiros. Esta cifra supón un incremento do 9,37% a respecto da cifra de peregrinos recibidos nos seis primeiros meses do ano pasado. En total, en 2014 rexistráronse xa 6.996 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado.

Arriba