O Plan Director do Camiño propiciará o seu desenvolvemento sustentable, equilibrado e respectuoso co carácter específico do fenómeno Xacobeo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, acompañada do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela presentou as liñas fundamentais do Plan Director e do Plan Estratéxico do Camiño de Santiago.
O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica específica sobre o Camiño de Santiago e o desenvolvemento dun Plan Director para a Ruta Xacobea inclúese como a primeira acción a impulsar.
No que vai de ano, máis de 83 mil peregrinos recolleron a Compostela, un 61,21% deles son estranxeiros.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, acompañada do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela presentou hoxe as liñas fundamentais do Plan Director do Camiño de Santiago.
Segundo explicou, o Camiño de Santiago é o principal elemento identificador de Galicia constituíndo unhas das súas sinais de identidade. Turismo de Galicia, ben directamente, ben a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, ten entre as súas competencias a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, o mantemento e conservación dos camiños e as súa sinalización e calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño.
O Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016 recolle como unha das principais fortalezas do destino Galicia, o Camiño de Santiago. Deste modo, a primeira liña estratéxica do propio plan recolle as accións relacionadas co Camiño de Santiago como eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional. O desenvolvemento dun Plan Director do Camiño de Santiago con especificacións para cada unha das rutas contémplase como a primeira acción a impulsar.
Segundo explicou a directora de Turismo, “a necesidade dun Plan Director ven dada polo espectacular crecemento do número de peregrinos e o redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional”. Ata o día de hoxe, 83.582 peregrinos recolleron a Compostela na oficina de acollida ao peregrino, dos que o 61,21 % dos peregrinos foron estranxeiros.
Nava Castro explicou que o Plan Director das Rutas do Camiño de Santiago servirá para que o seu desenvolvemento e crecemento se realice “de forma equilibrada, sustentable e respectuosa co carácter específico do fenómeno xacobeo”. Segundo explicou Castro, o Plan contará coa participación de todos os organismos da Xunta de Galicia implicados na promoción, conservación e mantemento das Rutas Xacobeas, dado que o Camiño é un produto transversal e por ende participan no seu desenvolvemento diferentes institucións.
Dous documentos: Plan Director e Plan Estratéxico
Este plan contará coa redacción de dous documentos: o plan director propiamente dito e un plan estratéxico de actuación. No seu conxunto o plan ten por obxectivo revitalizar, promocionar, promover o estudo e investigación de todas as rotas xacobeas, a súa infraestrutura, o seu patrimonio e o seu legado inmaterial.
O Plan director constará das seguintes fases e documentos: unha fase de análise do Camiño de Santiago, que conterá a situación actual do trazado, a densidade de usuarios e peregrinos, o balance da repercusión económica nas zonas de influencia e a situación actual e tendencias. Unha fase de diagnose da situación actual e de definición dos retos actuais do Camiño; as liñas estratéxicas e máis un avance das propostas de actuación.
Segundo puntualizou a directora de Turismo, o plan estratéxico estará integrado polos seguintes documentos: unha fase previa de determinación clara da finalidade do Plan; a elaboración do plan que conterá dos retos prioritarios, das liñas estratéxicas, das propostas de actuación urxentes e o resto de propostas de actuación. Ao tempo, cada reto levará asociadas unhas propostas de actuación.
Grandes liñas de traballo
Nava Castro afondou nas grandes liñas de traballo propostas e dixo que se centrarán en integrar ás institucións e asociacións do Camiño de Santiago. Con isto preténdese reforzar a imaxe xacobea, promocionar os valores do Camiño de Santiago e desenvolver as súas potencialidades. Segundo explicou, “é preciso para iso realizar un plan ordenado de cooperación interinstitucional: no marco do Consello Xacobeo, coas comunidades autónomas dos Camiños de Santiago, asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de todo o mundo, con todos os territorios xacobeos e dos itinerarios culturais europeos, en especial dende o marco da Federación Europea dos Camiños de Santiago”.
Ao tempo, as liñas de traballo perseguirán delimitar e sinalizar os Camiños de Santiago en Galicia; intervir sostible e integralmente sobre o patrimonio cultural dos camiños e o seu entorno natural, unha vez estean delimitados oficialmente. Coidando de cada ruta como un ben patrimonial; desenvolver un plan de atención ao peregrino e ao turista, nos camiños de Santiago e en Compostela; proxectar unha promoción turístico-cultural dos camiños de Santiago, ampliando a divulgación en foros e feiras internacionais e promovéndoo mediante exposicións, publicacións, congresos e con folletos turísticos entre outros; así como investigar e xerar coñecemento sobre a cultura xacobea e os Camiños de Santiago. E ao tempo, elaborar, como complemento, un plan de publicacións e traducións de obras de calidade científica e promocionar a investigación xacobea a través da revista ad Limina, os catálogos de exposicións ou as monografías entre outros.
De igual modo promoverase a creatividade contemporánea relacionada cos camiños de Santiago. Pintores, deseñadores, arquitectos, escultores, fotógrafos y ourives colaboraron e colaboran en diversos proxectos culturais e promocionais impulsados dende o Xacobeo e/ou Xunta de Galicia.
Desenvolverase a estratexia de fomentar e celebrar, nos períodos “interxacobeos”, as grandes efemérides da historia do camiño de Santiago como activadoras da peregrinación e o turismo. Crearanse novos produtos culturais e promocionais, tendo en conta a tradición e a innovación e alentarase o apoio do sector privado en determinados proxectos e eventos especiais. Tamén se pretende estimular o orgullo identitario da poboación galega cara a cultura xacobea e o Camiño de Santiago.
Prazo de execución
O plan Director e Estratéxico ten un prazo de execución de 24 semanas a partir do momento da súa sinatura por parte da empresa adxudicataria. O prazo máximo da adxudicataria para a entrega é de 12 semanas; o prazo da administración para a supervisión é dunha semana e o prazo máximo da adxudicataria para facer as correccións é dunha semana. O prazo máximo de entrega do plan estratéxico é de seis semanas, dúas para a supervisión da administración e unha semana para que a adxudicataria introduza as correccións.