A I Travesía Náutica Xacobea percorre a ruta do mar de Arousa e do río Ulla e conclúe en Santiago o periplo organizado con motivo do VIII centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago
A peregrinación marítima coincidiu tamén coa XXX edición do Remonte Anual Marítimo Fluvial conmemorativo da Traslatio do Apóstol Santiago, organizado pola Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
As embarcacións da Ruta Mediterránea e mais as da Ruta Atlántica percorreron esta semana as rías galegas e uníronse onte en Cabo de Cruz para realizar a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla en catamarán ata Padrón e camiñar a Santiago en conmemoración da Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago.
A Travesía Náutica Xacobea está impulsada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago.
O pasado sábado concluíu a I Travesía Náutica Xacobea cunha peregrinación pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla coincidindo tamén cos actos do XXX Remonte Anual Marítimo Fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica que organiza a Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
Os tripulantes da Travesía Naútica Xacobea que percorreron a Ruta Atlántica e a Ruta Mediterránea desta peregrinación marítima, organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga, remontaron o sábado a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata chegar a Padrón e de alí partiron camiñando a Santiago para finalizar a peregrinación. Á súa chegada a Santiago asistiron á misa do peregrino e recibiron as súas Compostelas e Cotolayas.
Na saída tivo lugar un acto institucional no que interveu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro quen destacou que a travesía ten sido “unha experiencia pioneira e unha das actividades centrais da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago”. A directora de Turismo agradeceu a colaboración tanto de Asnauga como dos tripulantes que participaron no percorrido, así como das autoridades e particulares e medios de comunicación que acolleron aos navegantes nos diferentes portos nos que recalaron as embarcacións das dúas rutas.
A peregrinación náutica tivo por obxecto rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do Santo de Asís, ao tempo que se realizou esta viaxe única en Europa polas súas características.
Segundo destacou Nava Castro, a Travesía Náutica Xacobea impulsou a promoción da cultura e do patrimonio marítimo de Galicia, a protección do medio ambiente e a posta en valor turística dos portos deportivos galegos, distinguidos coa Q de Calidade Turística na comunidade líder en este segmento en número de distintivos de calidade. Pero ademais, segundo dixo, a Primeira Travesía Náutica Xacobea contribuirá á difusión internacional da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
A directora destacou a oportunidade de participar na XXX edición do remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica, o único Vía Crucis marítimo fluvial do mundo e a ruta sinalada por cruceiros de pedra. Dende maio do ano pasado, aqueles que percorran a ruta como peregrino por mar, poderán acreditala a través dunha cartilla náutica, que expide o Club Náutico de San Vicente do Grove e que é posible grazas tamén ao traballo da Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, do Clube e ao apoio da Xunta de Galicia.
Os tripulantes desta Primeira Travesía Náutica Xacobea unironse a este remonte para completar a derradeira etapa da peregrinación náutica. Ás embarcacións -procedentes de Irlanda, Francia, Inglaterra, Bélxica e España, entre outros países- que participan na Ruta Atlántica desta travesía sumáronse no porto de Ares dúas goletas clásicas, a Nieves 4 e a Nauja, fletadas pola Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA).
Na travesía que percorre a Ruta Mediterránea participaron máis de 40 tripulantes. Os navegantes das dúas tripulacións sucaron a costa en ambas direccións con destino ás Rías Baixas.Os tripulantes da Ruta Mediterránea recalaron en Galicia para concluír a travesía que partiu de Xénova e xa visitou os portos de Toulon, Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella, Punta Umbría, Sines, Cascais e Porto. A Ruta Mediterránea percorreu así 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A Ruta Atlántica percorreu cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo de Cruz.
VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago
A directora de Turismo de Galicia resaltou tamén que neste 2014, Galicia brinda a oportunidade de coñecer, a través da organización de múltiples actos expositivos, congresuais, artísticos e culturais a figura de San Francisco e a súa vinculación coa cultura xacobea. E indicou que neste momento dous grandes proxectos expositivos dentro do centenario poden visitarse a poucos pasos da catedral compostelá: a exposición ‘On the Road’, con obras de arte de 35 artistas internacionais de máximo nivel que pode verse no Pazo de Xelmírez e mais no cemiterio e na igrexa de Bonaval; e mais a mostra ‘Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’, no Colexio de Fonseca, que foi a mostra coa que se deu apertura en Asís ao VIII Centenario no verán do ano pasado e que este verán se pode contemplar na capital de Galicia.