21 xul 2014

A mostra ‘Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’ recibiu 10.000 visitantes en menos dun mes

Os visitantes que completaron o número 10.000 que entraron no Colexio de Fonseca para ver a exposición foron agasallados cun catálogo da mostra, unha publicación de alto valor científico e divulgativo.

Obras de Zurbarán, El Greco e Salzillo poden visitarse ata o 24 de agosto na exposición que Turismo de Galicia abriu no Colexio de Fonseca e que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Unha parella de Madrid que viaxou a Santiago este fin de semana completaron as entradas número 10.000 da exposición Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago que abriu as súas portas o 20 de xuño. Con tal motivo foron agasallados cun catálogo da exposición. Con motivo da mostra editouse esta publicación, de alto valor científico e divulgativo, que inclúe nas súas máis de 600 páxinas textos de especialistas de recoñecido prestixio.

A mostra, que está a rexistrar unha elevadísima afluencia de público, foi a encargada de abrir en Asís os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela o pasado mes de agosto. Alí recibiu durante o seu período de apertura máis de 7.000 visitas. No Colexio de Fonseca, cando faltan dous días para que se cumpra un mes da súa apertura, xa rexistrou máis de 10.000 entradas.

El Greco, Zurbarán, Salzillo, Xosé Ferreiro ou Salvador Carmona
O grande atractivo das obras de arte de primeiro nivel que se recollen na exposición -como cadros de El Greco e Zurbarán, esculturas de Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona- está a espertar grande interese entre os visitantes. No discurso expositivo figuran pezas medievais da época do santo, procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia. Son obras de escultura, ouriveiría, restos de arquitecturas, telas, instrumentos musicais, relicarios, incunables das bibliotecas franciscanas.

Trátase dun conxunto de pezas relacionadas con San Francisco e a peregrinación a Santiago, comprendidas na súa maioría entre os séculos XII e XVIII, moitas delas da época do santo e outras que forman parte do seu legado histórico e espiritual.

As mensaxes da exposición
O legado franciscano no camiño de Santiago, tanto nas localidades da ruta como na propia Compostela, así como a súa contribución ao reforzo da infraestrutura da hospitalidade e ao sentido da peregrinación espiritual occidental son as mensaxes que se transmiten con este proxecto expositivo.

A exposición Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago articúlase nunha serie de capítulos, a través dos que se evoca a memoria do santo; a imaxe do mundo na época de San Francisco –Occidente, o Islam e Terra Santa-, a busca da transcendencia que leva a peregrinar a Compostela, a presenza das ordes mendicantes no Camiño de Santiago e o legado franciscano nas cidades da ruta a Compostela.

A gran calidade das pezas que compoñen a mostra poderá ser apreciada ata o día 24 de agosto neste proxecto expositivo que está concibido para visibilizar a herdanza franciscana que pervive en Compostela e que evoca o espírito peregrino das cidades de Santiago de Compostela e Asís. A exposición pode visitarse entre as 11 da mañá e as 14 horas e tamén entre as cinco e as nove da tarde.

 

Arriba